Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 febrero, 2025
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025 – O músico Manuel González ‘Chicho’, máis coñecido como Ortiga, continúa a consolidar o seu nome dentro da escena galega cunha proposta que fusiona os ritmos de verbena coa modernidade do século XXI. O compostelán, que vén de anunciar unha xira por distintas cidades do Estado, participou nunha entrevista con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, onde abordou a súa traxectoria, a importancia da verbena galega e mesmo a súa peculiar elección de vestimenta.
Ortiga defínese como un defensor da verbena, un fenómeno que considera único en Galicia e que debera estar máis recoñecido. «Os propios galegos non nos decatamos do especial que é o noso modelo de festa. En moitas partes de España, a música das festas redúcese a un DJ nun remolque. Aquí, ata as aldeas máis pequenas teñen orquestras e un espectáculo impresionante». O artista tamén lamenta que, a diferenza doutras comunidades, este patrimonio non teña unha protección oficial. «Se fósemos cataláns ou vascos, xa sería declarado Patrimonio Cultural», afirmou.
Ortiga recoñece que a súa música está fortemente influenciada pola verbena galega, pero tamén por ritmos latinos como o merengue e a cumbia. «A nosa historia está chea de emigración e iso reflíctese na música. Moitas das cancións que escoitamos nas nosas festas veñen de Latinoamérica e están totalmente integradas na nosa cultura», comentou. Neste sentido, citou algúns clásicos imprescindibles das verbenas galegas, como La Ventanita del Amor, Papá e Mamá de Los Satélites ou Dolores se llama Lola de Los Suaves.
O artista leva xa nove anos vivindo exclusivamente da música e recoñece que non foi doado. «Desde os 20 anos tiven claro que non quería perder tempo en algo que non me apaixoase», dixo sobre a súa decisión de deixar os estudos. A súa principal fonte de ingresos son os concertos, aínda que tamén obtén beneficios polos dereitos das súas cancións e merchandising. «Os discos xa non se venden tanto, pero si camisetas, gorras… Iso tamén axuda a manterse».
Sobre a importancia das redes sociais, considera que hoxe son fundamentais para un artista. «Se unha banda ten unha boa estratexia dixital, pode chegar moito máis lonxe. Eu prefiro deixalo en mans de xente que sabe, pero tamén intento aprender», explicou.
Un dos momentos máis curiosos da conversa chegou cando Ortiga falou sobre o seu estilo persoal. «Desde hai dez anos non me poño un vaqueiro», confesou entre risas. «Todo empezou como unha broma cos colegas de Boyanka Kostova. Decatamonos de que estabamos suxeitos a construcións sociais sobre como vestir e dixemos: ‘A nós gústanos o chandal e imos levalo con orgullo’». Hoxe, asegura que no seu armario só hai chándais: «Teño de todo, ata unha americana de chandal para ir elegante cando fai falta».
Mirando cara ao futuro, Ortiga ten un obxectivo claro: crear unha banda completa de merengue. «O problema é que economicamente non é doado. Pero o día que teña cartos suficientes para pagar a todos como merecen, alá imos». Mentres tanto, segue adaptándose ás circunstancias: «Se teño máis caché, meto máis xente; se non, pois vou axustando. O importante é seguir tocando».
Ortiga segue a súa xira por distintas cidades de España antes de volver a Galicia o 27 de marzo, cando actuará en Santiago de Compostela. Cunha traxectoria en ascenso e unha visión moi clara do que quere facer, queda claro que a súa carreira só acaba de comezar. «O meu obxectivo é atopar o meu público e coidalo. Non se trata de estar de moda, senón de estar aquí a longo prazo», concluíu.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
compostela cultura Entrevista galicia musica ortiga radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)