Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 septiembre, 2026
O Pino. 18-9-2026.- Un total de 370 atletas participarán este domingo, 20 de setembro, na XXI Carreira Pedestre Popular do Concello do Pino. A proba, incluída no XII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, reunirá deportistas das diferentes categorías, desde máster ata Sub-6.
A saída e a meta estarán situadas na praza de Forcarei, en Arca, onde as persoas participantes poderán retirar os seus dorsais na secretaría técnica ata media hora antes do comezo de cada proba.
A xornada deportiva comezará ás 10.00 horas coa carreira absoluta de oito quilómetros, que conta con 175 persoas inscritas. Ás 11.00 horas será a quenda das categorías Sub-16 e Sub-18, con 24 participantes, que deberán completar un percorrido de dous quilómetros.
As probas escolares continuarán ás 11.30 horas coa categoría Sub-14, na que competirán 30 atletas sobre unha distancia de dous quilómetros. Ás 11.45 horas tomarán a saída as 50 persoas inscritas en Sub-12 e, dez minutos máis tarde, farano as 42 da categoría Sub-10. Ambas as probas terán un percorrido dun quilómetro.
A categoría Sub-8, con 20 participantes, comezará ás 12.05 horas e terá unha distancia aproximada de 505 metros. Pecharán a competición, ás 12.10 horas, os 29 nenos e nenas de Sub-6, que percorrerán un circuíto duns 340 metros.
Organizada polo Concello do Pino baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, a carreira está aberta á participación de atletas federados e non federados, cunha única clasificación conxunta.
O Concello entregará trofeos aos tres primeiros e ás tres primeiras clasificadas das diferentes categorías, agás en Sub-6, na que non haberá clasificación. Tamén se recoñecerá o primeiro e a primeira atleta local das categorías escolares, desde Sub-8 ata Sub-18, entre outras premiacións. Ademais, todas as persoas participantes nas categorías comprendidas entre Sub-6 e Sub-12 recibirán unha medalla.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)