Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Partido Popular de Santiago reclama que se leve a cabo, de maneira urxente, unha auditoría “externa e independente”, que explique aos veciños de Compostela cal é o estado actual dos seus autobuses públicos.
En rolda de prensa, ofrecida polos concelleiros José Ramón de la Fuente e Adrián Villa, indicaron que é imprescindible que se convoque, de forma urxente, o Consello de TUSSA e que se realice dita auditoría co fin de coñecer o estado actual da frota porque, a responsabilidade política, entre outras, é a de ofrecer uns servizos públicos seguros e de calidade. Ademais de realizar unha licitación “pública e transparente”, que conte con todas as garantías legais
“Non podemos consentir que a nosa veciñanza estea a empregar un transporte que, a día de hoxe, supón un grave risco para a seguridade de usuarios e vehículos, polo que non caben escusas, o único que serve, neste momento, é tomar decisións serias, con responsabilidade e, sempre, pensando nos veciños e veciñas de Santiago”, engadiu Adrián Villa.
A capital de Galicia leva oito anos soportando unha situación insostible no transporte público, non pode ser que, transcorridos case 100 meses, Santiago siga sen contrato e que nin Compostela Aberta, nin o partido socialista, foran quen de sacar un contrato que cumpra cos requisitos legais necesarios.
“Co novo mandato do BNG temos que lamentar máis do mesmo, non saben xestionar e o resultado é que seguimos sen contrato e cun transporte indigno para a capital de Galicia”, lamentaron os populares.
Villa remarcou que a única decisión que tomaron os gobernos de esquerdas “é tirar ao lixo 2 M € ao ano, procedentes do peto dos veciños de Santiago, para alugar, de xeito ilegal, 23 autobuses, alugueres que non serven para renovar nin a metade da frota actual”.
Na súa Intervención, De La Fuente destacou que “o alugueiro deses 23 autobuses se fixo a través dunha adxudicación a dedo, sen ningún tipo de informe de funcionario público que o sustente”, lembrou que “a Xunta de Goberno puido licitar o aluguer destes vehículos de forma legal, tivo varias oportunidades de facelo, porque levan gobernando dende o mes de xuño, pero os feitos indican que non quixeron”.
“O preocupante, remarcou, é se o Goberno nacionalista pensa insistir en manter esta ilegalidade, non sabemos canto tempo imos seguir así”. O popular tamén lembrou que o “BNG criticou moi duramente ao Goberno socialista por alugar de xeito ilegal 11 autobuses e, agora, eles fan exactamente o mesmo e adxudican, tamén a dedo, 12 buses máis, o fan sabendo que é ilegal, polo tanto a mala fe”.
Cabe sinalar que a tenor do informe de Intervención, que é absolutamente demoledor, “calquera veciño ou usuario podería verse tentado a ir á Fiscalía ante posibles indicios de prevaricación e malversación, polo que desde o PP, subliñou De la Fuente, apelamos á “responsabilidade” do Goberno municipal para que corrixa esta situación”.
“O Goberno nacionalista parece obsesionado coa a súa aposta por eliminar os vehículos das nosas rúas, pero nos preguntamos, como se lle pode pedir a nosa veciñanza que non empreguen o vehículo particular, se non hai un transporte digno, coas medidas de seguridade necesarias”, destacou Adrián Villa.
Os edís populares fixeron un pequeno repaso das incidencias que sufriron os autobuses públicos nestes anos, así, o pasado mércores, producíase unha explosión nun autobús urbano, onde ademais do susto que condutora e pasaxeiros levaron, houbo consecuencias físicas para un veciño.
Sen ir máis lonxe, en 6 meses, de xaneiro a xuño deste mesmo ano, rexistráronse un total de 232 avarías nos autobuses urbanos de Santiago, só 180 días, é dicir, produciuse máis dunha avaría por día.
A realidade do servizo de autobuses públicos da capital de Galicia, é a ilegalidade contractual, un nefasto funcionamento, centos de queixas por parte dos composteláns, autobuses en mal estado, aos que lle chove dentro, que levan portas caídas ou non funcionan; falla do sistema SAE de localización e centos de avaría.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)