Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
17/02/2024 Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, celebrou este sábado no Teatro Principal de Santiago a gala de entrega dos seus premios. O acto, conducido por Nuria Vil e Gabri Fuentes, contou coa actuación de Mondra. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; e a coordinadora de Youtubeiras, Carme Pereiro, interviñeron durante a gala en representación da organización.
Ao longo da noite, Youtubeiras entregou os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros, agás o premio do público, que conta con 500 euros. O xurado desta edición estivo conformado por Nee Barros, quen levou o Premio Youtubeira na edición anterior e que se define como divulgadore cultural, escritore e youtubeire; Fátima Souto Muñiz, exbolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram. Este xurado decidiu, segundo se recolle na acta das súas deliberacións, o seguinte palmarés:
O premio Canle recoñeceu este ano a OU Ké! O xurado escolleu a esta Canle pola «súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética», así como polo seu «impacto», pola súa «integración entre os medios de comunicación» e «pola súa pluralidade de voces».
O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer. O xurado salientou a súa ampla «actividade en todas as redes», a súa «orixinalidade» e a súa vontade de «incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade».
O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar «xerar espazo para a cultura pop en galego» e «chegar ás xeracións máis novas». Tamén subliñou a súa aposta por «crear un universo transmedia con presenza nas tres redes empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)».
O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para «transmitir tanta intimidade nun vídeo», así como a súa «orixinalidade no formato e a construción do relato».
O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa «capacidade de difusión» e a súa «conexión coa lusofonía. Tamén valora «o coidado da lingua» e «a conservación dos trazos dialectais».
O premio Pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a «entrega e dedicación» desta canle para «xerar contidos e crear comunidade» ao redor da actualidade deportiva local.
O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser, a ollos do xurado, «unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras». Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar «un tecido asociativo arredor do youtube en galego».
Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, «púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado».
Estes foron os premiados nun ano no que aspiraban 18 canles finalistas. Nesta edición, na que participaban vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. En cómputo xeral, todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes representan máis de 32.400 minutos en galego en Youtube.
Á gala asistiron diferentes representantes das institucións que conforman a organización de youtubeiras. Algúns deles, como o alcalde de Ames, Blas García, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, subiron ao escenario para facer entrega de galardóns aos premiados. Tamén exerceron ese papel, ademais das xa amentadas Goretti Sanmartín e Soledad Agra, a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e o vicerreitor de Transformación Dixital e innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo.
Por parte da Deputación da Coruña, tamén estivo presente a súa deputada de Cultura, Natividad González. A concelleira de Ames Escarlata Pamín acudiu á gala, como tamén diferentes membros da corporación municipal de Santiago de Compostela. Así, dende o Goberno local, acudiron Pilar Lueiro, Xesús Domínguez, Míriam Louzao e Iago Lestegás, integrantes do grupo municipal do BNG, e Xan Duro, membro do grupo municipal de Compostela Aberta. Do Grupo municipal do PP acudiron Borja Verea e Olaya Otero. Por parte do PSdeG, estivo a edil Marta Abal.
Relación de Gañadores e finalistas por categorías
1. Premio Canle: OU ké!
Finalistas:
– Cinema Caníbal
– Toxío
2. Premio Youtubeira: Recuncho Gamer
Finalistas:
– Exército Mekemeke
– Pingando
3. Premio Youtubeira Revelación: O Faiado podcast
Finalistas:
– Luís do Río Pena
– Savia Nova
4. Premio Vídeo: Unha fin de semana en Londres, de Malva
Finalistas:
– Seminario de Estudos Galegos, o centenario, de Prado Rúa
– Derrubando xigantes, de Toxío
5. Premio Calidade Lingüística:
Finalistas:
– Prado Rúa
– Olaxonmario
– Casa Gallinitas
6. Premio Pioneiro: Fica coa bola
Finalistas:
– Recuncho Gamer
– Lilium
7. Premio Rede:
Finalistas:
– Alma da Vella Chousa
– OU ké!
– Youtube en Galego
8. Premio do Público: Savia Nova
Finalistas:
– Noticias dispersas
– Fica coa bola
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)