Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 febrero, 2025
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a situación de colapso na que se atopa o servizo de traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde centos de pacientes permanecen en listas de espera durante meses sen recibir asistencia. O caso de L.G.G., un paciente que agarda desde agosto de 2023 por unha consulta cun especialista en columna, é só un exemplo dun problema que afecta a milleiros de persoas.
L.G.G., paciente de traumatoloxía, leva máis de 500 días esperando pola cita cun especialista en columna. Desde agosto de 2023, soporta dores intensas na zona lumbar e nas costas, que lle impiden levar unha vida normal e desenvolver o seu traballo con normalidade. A dor extrema obrígao a coller baixas laborais e, a día de hoxe, segue sen un diagnóstico claro nin tratamento adecuado.
O seu traumatólogo solicitou a consulta externa para o 21 de setembro de 2023, pero, pese a presentar seis reclamacións ante o Servizo de Atención ao Doente, L.G.G. segue sen data para ser atendido. «Síntome abandonado polo sistema público de saúde. Levo 541 días esperando e non recibo ningunha resposta máis alá de escusas. Isto é indignante e un insulto ao cidadán», denuncia o paciente.
Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), a 30 de xuño de 2024, un total de 348 pacientes agardaban entre 6 e 12 meses por unha consulta externa en traumatoloxía debido a unha doenza nova. En total, 11.717 persoas estaban pendentes de consulta neste servizo. Comparando cos datos de decembro de 2019, antes da pandemia da COVID-19, a lista de espera máis que se duplicou, pasando de 5.226 pacientes a case 12.000.
A Asociación de Pacientes denuncia que as políticas públicas non abordaron este problema con medidas efectivas para reducir os tempos de espera, o que provoca un prexuízo evidente para os doentes, que ven como a súa situación de saúde empeora sen recibir atención especializada en tempo razoable.
Un dos principais problemas que agravan a situación é o sistema de «axendas dinámicas», popularmente coñecido como «buzón», no que as axendas de citas están sempre pechadas. Isto impide que os pacientes saiban cando van ser atendidos, mantendoos nunha incerteza absoluta durante meses ou incluso anos.
Este sistema vai en contra do artigo 9 da Orde do 13 de xullo de 2024, que establece que non deben existir pacientes en espera de ser citados, salvo casos excepcionais e por un tempo establecido. Ademais, vulnera o artigo 10 da mesma orde, que obriga a respectar os criterios clínicos dos facultativos á hora de fixar as citas.
A Asociación de Pacientes denuncia que este sistema antepón criterios organizativos, políticos e administrativos ás necesidades sanitarias dos doentes, provocando graves consecuencias para a súa saúde física e emocional.
Ante esta situación insostible, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS esixe:
A situación de L.G.G. non é un caso illado, senón un síntoma dun problema estrutural que afecta a milleiros de galegos. A Asociación fai un chamamento ás autoridades sanitarias para que actúen con urxencia e poñan fin a esta situación de abandono asistencial na sanidade pública galega.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)