AD

Comarca

Padrón convértese esta fin de semana no epicentro dos Pobos Máxicos de España

today22 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O municipio acolle do 23 ao 25 de outubro o VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España, que reunirá representantes institucionais e do sector turístico nun programa de actividades culturais, gastronómicas e de promoción do territorio.

Padrón, 22 de outubro de 2026. O Concello de Padrón prepárase para acoller, do venres 23 ao domingo 25 de outubro, o VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España, unha cita que se desenvolverá baixo o lema «Unha rede que multiplica» e que situará a vila padronesa como punto de encontro para o intercambio de experiencias, a cooperación entre territorios e a posta en valor dos recursos turísticos, culturais e patrimoniais.

Durante tres xornadas, Padrón converterase nun escaparate da riqueza cultural e gastronómica de Galicia, cunha programación que combinará actos institucionais, relatorios, visitas teatralizadas, experiencias enoturísticas e actividades de convivencia.

O encontro contará coa participación de representantes do Ecosistema Máxico de España, administracións públicas, entidades sociais e empresas vinculadas ao desenvolvemento turístico e territorial.

Venres 23: benvida entre cultura, viño e tradición

A programación comezará o venres 23 de outubro, ás 18.20 horas, coa recepción dos participantes na Praza de Abastos de Padrón e no Hotel Scala, desde onde se organizarán os desprazamentos en autobús.

Ás 19.00 horas, o Pazo de Arretén acollerá a actividade teatral «Rosalía na Arretén», a cargo do grupo Os Quinquillás, unha proposta que permitirá achegarse á figura da escritora padronesa nun escenario vinculado á súa memoria.

A xornada incluirá tamén unha cata de viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas, subzona Ribeira do Ulla, e unha actuación do grupo folclórico O Pedrón.

Ás 21.00 horas celebrarase o cóctel de benvida «A paisaxe que sabe», acompañado dunha actuación musical do Trío Somoza. O regreso en autobús aos puntos de orixe está previsto entre as 00.00 e as 00.15 horas.

Sábado 24: Padrón acolle a VI Asemblea Nacional dos Pobos Máxicos de España

A xornada central do encontro celebrarase o sábado 24 de outubro no Campus Tecnolóxico Cortizo.

Tras a saída dos autobuses ás 9.00 horas, a recepción e acreditación dos asistentes terá lugar ás 9.30 horas. O acto inaugural comezará ás 10.00 horas e contará coa intervención de representantes institucionais e empresariais.

Entre os participantes previstos figuran Anxo Rei, alcalde de Padrón e presidente do comité organizador; Francisco Martín, presidente do Ecosistema Máxico de España; Rubén Valverde, director de Relacións Institucionais de Estrella Galicia; e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Logo dunha pausa para o café ás 11.00 horas, ás 11.30 dará comezo a VI Asemblea Nacional dos Pobos Máxicos de España, articulada arredor de cinco bloques temáticos.

O primeiro, «Unha rede que multiplica», centrarase no valor da colaboración entre territorios. O segundo, «Dez anos construíndo oportunidades», abordará a traxectoria da iniciativa, mentres que o terceiro, «O Ecosistema en acción», desenvolverá catro grandes retos: conectar territorio e experiencia galega, transformar desde o territorio, activar coñecemento e oportunidades e favorecer o crecemento da economía local.

A programación continuará co nomeamento oficial dos novos Lugares Máxicos de España 2026 e coa entrega do distintivo «Monumento Máxico do Ano 2026», vinculado á Deputación de Granada.

Ás 14.45 horas terá lugar un xantar nos salóns de Cortizo.

Turismo inclusivo e enoturismo, protagonistas dos relatorios

A actividade continuará pola tarde cun programa de relatorios centrado en experiencias vinculadas ao turismo e ao desenvolvemento local.

Ás 16.00 horas celebrarase a sesión «Turismo inclusivo. Talentos ao servizo da comunidade», coa participación de Begoña Suárez, directora-xerente de AMIPA; Inés Varela, membro da entidade; e Sebastián Sexto, director de Alma Peregrina.

Ás 16.30 horas será a quenda do enoturismo, cun relatorio enmarcado na campaña «A paisaxe que sabe», da Deputación da Coruña. Intervirán Moisés Rodríguez e Nieves Millán, propietarios de Enoturismo María Manuela, para achegar a súa experiencia neste ámbito.

A clausura da VI Asemblea Nacional está prevista para as 17.15 horas.

Posteriormente, entre as 17.30 e as 19.00 horas, os asistentes poderán participar nunha visita ao Padrón Xacobeo guiada por Suso Martínez, caracterizado como Atanasio, unha proposta que permitirá descubrir a historia e a tradición xacobea da vila desde unha perspectiva teatralizada.

Cea de clausura e actuación de Broken Peach

A programación do sábado culminará cunha cea e festa de clausura no Hotel Scala de Padrón.

Ás 20.30 horas sairá un autobús desde o Mercado de Abastos ata o establecemento hostaleiro, onde ás 21.00 horas terá lugar o acto institucional de clausura do VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España, coa participación do alcalde de Padrón, Anxo Rei, e do presidente do Ecosistema Máxico de España, Francisco Martín.

Ás 21.30 horas comezará a cea de clausura, mentres que ás 23.00 horas está prevista a actuación do grupo musical galego Broken Peach, que poñerá o broche musical á xornada.

Domingo 25: patrimonio, mercado e despedida

A última xornada estará dedicada a descubrir algúns dos espazos máis representativos de Padrón.

O programa comezará ás 11.00 horas cun encontro no Xardín Botánico-Artístico de Padrón. Media hora despois, ás 11.30, celebrarase unha visita teatralizada a este espazo a cargo do grupo Os Quinquilláns.

Ás 12.30 horas, os participantes disporán de tempo libre para percorrer o tradicional mercado de Padrón, unha das citas comerciais e sociais máis emblemáticas da vila.

O encontro rematará ás 14.30 horas cun xantar de despedida en FINSA.

Unha oportunidade para proxectar Padrón a nivel nacional

A celebración deste encontro representa unha oportunidade para reforzar a proxección turística e cultural de Padrón e dar a coñecer o seu patrimonio histórico, literario, natural e gastronómico.

A vila, estreitamente vinculada á tradición xacobea e a figuras como Rosalía de Castro, Camilo José Cela e Macías O Namorado, será durante tres días un punto de encontro para reflexionar sobre o futuro dos territorios e a importancia da cooperación como ferramenta de desenvolvemento.

O VI Encontro Nacional dos Pobos Máxicos de España permitirá, ademais, visibilizar recursos e experiencias locais, desde a gastronomía e o enoturismo ata o patrimonio histórico e as iniciativas de turismo inclusivo.

Baixo o lema «Unha rede que multiplica», a cita aspira a reforzar os vínculos entre os municipios participantes e impulsar novas oportunidades para os territorios que integran o Ecosistema Máxico de España.

O programa facilitado pola organización ten carácter provisional e pode experimentar modificacións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *