Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) promoverá o vindeiro 30 de xuño a campaña «Pechamos», unha acción simbólica e de gran impacto visual coa que pretende reivindicar o papel do comercio de proximidade como motor económico, social e humano do municipio.
A iniciativa desenvolverase na antesala das rebaixas de verán, unha das épocas de maior actividade para o sector, e consistirá en cubrir temporalmente os escaparates dos establecementos participantes para simular que permanecen pechados. O obxectivo é convidar á cidadanía a reflexionar sobre como serían as rúas de Ames sen o comercio local e poñer en valor un sector que xera emprego, dinamiza a economía e contribúe á vida social do concello.
A campaña foi presentada esta mañá por Olalla Alvite, tesoureira da XEA e socia de Núa Moda; Germán Mariño, vogal da entidade e socio de Vaca Vella; a xerente da asociación, Bea Lópex; e o seu presidente, Ramón Cordido.

Cada comercio poderá personalizar o seu escaparate con mensaxes como «Pechado por asesorarte», «Pechado por sinceridade», «Pechado por cercanía» ou «Pechado por facer vila», co propósito de destacar valores como a atención personalizada, a confianza, a proximidade e o compromiso coa veciñanza.
Desde a XEA fan un chamamento á participación de todos os establecementos de Ames, estean ou non asociados, para crear unha acción colectiva que visibilice a importancia de manter vivo o tecido comercial local.
A campaña culminará cunha concentración aberta á cidadanía o martes 30 de xuño, ás 20.30 horas, na Praza da Mahía, onde se dará lectura a un manifesto en defensa do comercio de proximidade e do seu papel na construción dun municipio máis dinámico, sostible e con maior calidade de vida.
O presidente da XEA, Ramón Cordido, lembra que «detrás de cada pequeno comercio hai persoas, familias, emprego, asesoramento, confianza e compromiso co territorio» e subliña que «sen comercio local non hai rúas con vida nin futuro para os nosos pobos».
A asociación anima finalmente á veciñanza a apoiar o comercio de proximidade apostando polas compras nos establecementos locais e contribuíndo a fortalecer un modelo comercial que beneficia ao conxunto da comunidade.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)