AD

Actualidad

Pedro Blanco: «En Santiago estamos quedando en terceira división»

today7 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O candidato socialista á Alcaldía defende en Radio Líder Santiago un impulso á industria e ao comercio, sitúa a vivenda entre as prioridades do seu proxecto e cuestiona a resposta municipal ás necesidades de mobilidade da veciñanza.

Pedro Blanco quere un Santiago con maior ambición económica e unha administración capaz de responder con axilidade aos problemas cotiáns. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o delegado do Goberno en Galicia e candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía debullou as liñas do proxecto que está a preparar a través das súas «conversas de barrio»: vivenda, mellora dos servizos públicos e unha aposta pola industria e polo comercio que complemente o peso do turismo.

«Escoitar para acertar» é a premisa coa que afronta eses encontros. Segundo explicou, as demandas repítense nos distintos barrios: dificultades de acceso á vivenda, deficiencias no transporte e na limpeza, falta de solo industrial e lentitude nos trámites municipais. Blanco puxo como exemplo a concesión dun vao para un garaxe e reclamou un Concello que facilite a vida da cidadanía e a actividade económica.

A súa advertencia máis contundente chegou ao abordar o desenvolvemento industrial. Tras mencionar sectores como a automoción, a intelixencia artificial ou a construción naval noutras zonas de Galicia, afirmou que «en Santiago estamos quedando, eu creo que, absolutamente, en terceira división». Ao seu xuízo, a capital dispón de condicións para avanzar: situación xeográfica, conexións, aeroporto, proximidade á Administración e talento universitario.

«Temos que aproveitar todo o talento que xera a Universidade de Santiago», sostivo. O candidato defendeu unha maior colaboración coa USC para favorecer empresas punteiras e asegurou que ese crecemento é compatible coa protección cultural e paisaxística da cidade. «Temos que pensar tamén no Santiago do 2050», engadiu.

Blanco recoñeceu o turismo como unha fonte de riqueza para Compostela e para o conxunto do Camiño, pero defendeu ampliar a actividade a outras modalidades e reducir a estacionalidade. Tamén vinculou a condición de Santiago como destino final da peregrinación coa reclamación de máis recursos pola súa capitalidade, ao tempo que pediu unha aposta polo comercio de calidade.

Na vivenda, describiu unha situación que require respostas urxentes. «Estamos nunha auténtica emerxencia habitacional», afirmou. Defendeu a lei estatal e a declaración de Santiago como zona residencial tensionada, e reclamou que cada administración asuma as súas responsabilidades. Tamén incidiu na necesidade de ofrecer aloxamento digno ao alumnado universitario, unha realidade que, segundo sinalou, engade presión ao mercado local. A vivenda, avanzou, será un dos piares do seu proxecto de cidade.

A mobilidade concentrou outra parte das críticas. Blanco cualificou o sistema de transporte existente como «un sistema de mobilidade do século XIX» e relatou problemas de frecuencias e de fiabilidade da información nas paradas. Sobre a reorganización do servizo, pediu escoitar os barrios e os núcleos rurais ante as discrepancias cos percorridos, as paradas e a supresión de liñas.

Tamén trasladou o malestar que, segundo explicou, lle expresan asociacións veciñais pola limitación das viaxes das persoas pensionistas. Destacou o papel dos avós e das avoas que acompañan os menores á escola ou á gardería e reclamou alternativas que atendan esas necesidades de conciliación. No taxi, cuestionou a demora na ampliación das licenzas e pediu afrontar as decisións «con valentía e con absoluta rapidez».

Preguntado pola responsabilidade socialista na situación municipal, Blanco atribuíu a xestión aos grupos que exercen o goberno. «Nós non gobernamos», remarcou, e explicou que o grupo socialista apoia as medidas que considera axeitadas e formula propostas ante aquelas coas que discrepa.

Se chega á Alcaldía, unha das súas primeiras actuacións será reunirse co persoal municipal para coñecer as súas necesidades e mellorar os medios de traballo. «Un barco non anda se a sala de máquinas non funciona», resumiu. Tamén se comprometeu a apoiar as comisións de festas dos barrios e das parroquias, ás que recoñeceu o esforzo persoal que realizan para sacar adiante as celebracións.

No terreo político, ofreceu diálogo con todas as formacións con representación municipal, sen concretar pactos de goberno. «Non vai haber, en ningún caso, vetos con ninguén», asegurou. Blanco reivindicou os acordos e o respecto institucional fronte á confrontación: «A xente quere que resolvamos os problemas».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *