Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 febrero, 2026
O Executivo local someterá á consideración do Pleno da Corporación a cesión, á Deputación da Coruña, dos térreos necesarios para a construción dunha das tres Casas de Acompañamento aos Maiores que a Deputación promove na provincia, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos.
A parcela obxecto a ceder localízase a carón do Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel e conta con aproximadamente 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 son edificables.
«Trátase dun paso fundamental para poder acoller unha destas Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) que promove a Deputación provincial», segundo explicou alcaldede Rianxo, Julián Bustelo Abuín, que engadiu que“este proxecto responde a unha demanda histórica de Rianxo e da comarca do Barbanza que, grazas á colaboración entre administracións, por fin se fai realidade. A Casa de Acompañamento non só permitirá que as persoas maiores permanezan no seu entorno habitual, evitando situacións de desarraigo e illamento, senón que tamén será un motor de revitalización para a zona de Rianxiño. Unha zona na que, ademais deste importante equipamento, agardamos ter en funcionamento axiña o centro de día, grazas tamén a colaboración da Deputación da Coruña.»
As Casas de Acompañamento aos Maiores están baseadas nun novo modelo residencial que aposta por unha atención máis próxima e máis aberta á comunidade, unha alternativa ao sistema actual, marcado moitas veces pola masificación, a despersonalización e por custes demasiado elevados para as familias.
Neste sentido, o proxecto das CAM basearase no chamado modelo de quinta xeración, inspirado en experiencias avanzadas de países do norte de Europa. Trátase de centros pequenos e humanizados, organizados en unidades convivenciais que reproducen un fogar, abertos á comunidade, integrados no territorio e centrados na persoa. Cada unidade busca respectar a autonomía, os vínculos sociais e afectivos e a calidade de vida das persoas maiores.
As CAM da Deputación da Coruña pretenden dar resposta a esta realidade cun enfoque moderno e humanizado, que aposta pola atención centrada na persoa, a autonomía, a calidade de vida e a proximidade. Non serán só residencias, senón centros integrais de acompañamento baseados nun modelo innovador, máis sensible e máis próximo. Un modelo que complementa ao existente e que pretende integrar á sociedade do entorno. Que non sexan espazos pechados, senón abertos á comunidade e onde poda haber
convivencia entre xeracións, máis parecidos a un fogar
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)