AD

Comarca

Santa Comba celebra o 31 de outubro un foro sobre memoria democrática no rural

today15 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

• O auditorio do Edificio Multiúsos acollerá desde as 17.00 horas unha homenaxe ás persoas represaliadas da comarca do Xallas e tres mesas de debate sobre a mina de Varilongo, a educación e a represión de mulleres e disidencias
• A xornada pecharase coa proxección do filme ‘Con buena letra’

O Concello de Santa Comba, coa colaboración da Deputación da Coruña e o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, organiza o sábado 31 de outubro o I Foro de debate sobre memoria democrática no rural e homenaxe a persoas represaliadas da comarca do Xallas. Baixo o título Do subsolo ás marxes: Santa Comba, moitas preguntas e algunhas respostas, a xornada comezará ás 17.00 horas no auditorio do Edificio Multiúsos e reunirá especialistas de distintos ámbitos para recuperar a memoria local a través da investigación e do diálogo coa veciñanza.

A apertura correrá a cargo do acto O nome no fondo da pedra, unha homenaxe cívica e de reparación ás persoas represaliadas de Santa Comba. Tras a presentación institucional das xornadas, dedicarase un espazo á recuperación da memoria histórica local, co obxectivo de devolverlles a identidade, a dignidade e o recoñecemento público ás veciñas e aos veciños silenciados.

A partir das 17.15 horas, o bloque Fíos, filóns, tiza e marxes dará paso a tres mesas de debate:

  • Historias debaixo da terra: esperanza e represión desde a cor do wolfram na mina de Varilongo (17.15-18.00 h), con Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC, e Carmen Blanco Ramos, escritora xalleira e autora de O wolframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941-1963).
  • A tiza e o horizonte: o maxisterio e a educación como sementes de liberdade e branco da represión (18.15-19.00 h), con Xosé Vicenzo Freire, historiador e profesor, e Narciso de Gabriel, catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade da Coruña.
  • Corpos nas marxes: mulleres e disidencias fronte á violencia estrutural do réxime e do rural (19.15-20.15 h), con Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e directora de PeriFéricas; Salma Turnes Ares, xornalista xalleira, e Daniela Ferrández Pérez, historiadora, investigadora e activista LGTB.

As dúas primeiras mesas estarán moderadas por José Manuel Vázquez Rodríguez, dinamizador turístico do Concello, e a terceira por Patricia Val Antelo, concelleira de Cultura. Ao remate de cada unha haberá quenda de preguntas abertas ao público.

Tras unha pausa de 20.15 a 20.45 horas, con petiscos e conversas compartidas, a xornada retomará o programa co bloque Escribir o futuro con boa letra. Ás 20.45 horas terá lugar a clausura institucional, coas conclusións e os agradecementos, seguida da proxección do filme Con buena letra, como proposta de reflexión colectiva

Un foro co horizonte posto na continuidade

A concelleira de Cultura, Patricia Val Antelo, destaca a vontade de consolidar esta iniciativa: “Queremos que esta primeira edición teña continuidade e que Santa Comba promova de maneira constante o diálogo sobre a memoria democrática, propiciando o encontro entre investigadoras e investigadores de renome e a cidadanía”.

Con este foro, o Concello de Santa Comba aposta por recuperar a memoria democrática local, recoñecer as persoas represaliadas e achegar a investigación á veciñanza, para comprender o pasado e transmitilo ás novas xeracións. A xornada está aberta a toda a cidadanía, convidada a coñecer e compartir as historias que forman parte da memoria do territorio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *