AD

Actualidad

Santiago difunde en Fitur doce puntos do Código de Boas Prácticas en materia turística

today24 enero, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

24/01/2024 O Concello de Santiago apostou por superar os formatos clásicos de promoción e presentou en Fitur un vídeo que recolle os doce puntos do Código de Boas Prácticas en materia turística. Na presentación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, puxeron o foco na sensibilización e na concienciación sobre a necesidade de apostar por un novo modelo que promova o turismo consciente, de calidade, e que permita unha convivencia harmónica entre persoas visitantes e residentes.

A alcaldesa lembrou que Santiago de Compostela é un destino turístico consolidado, que en 2023 superou cifras de visitantes de anos anteriores, e asegurou que «este é xusto o momento de levar a cabo unha transformación importante para que o noso destino turístico non se desvirtúe, como xa sucedeu con outros destinos que se acomodaron e non foron capaces de adiantarse a situacións de turistificación e masificación».

Así, o vídeo presentado esta mañá pon en movemento, a través e animacións, cada un dos doce puntos que conforman o Código de Boas Prácticas do Concello de Santiago e que forma parte da campaña «Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade. Tes dereito a gozar del e a obriga de coidalo» iniciada o pasado verán, co obxecto de sensibilizar sobre a necesidade de mudar comportamentos para acadar experiencias turísticas de máis calidade. Ademais do vídeo, cada un dos puntos tamén será distribuído en pezas de animación independentes, para seren difundidas a través de canles dixitais como RRSS e webs de grupos de interese en orixe e mercados internacionais, comezando polo público profesional de Fitur, unha das principais feiras de turismo de Europa.

Goretti Sanmartín explicou que «o cambio de modelo en que estamos traballando, que en realidade é un cambio de paradigma, só terá éxito se asenta as súas bases na propia comunidade local». Neste sentido, indicou que o obxectivo último é «dirixirnos a un tipo de turista que cando elixa visitarnos valore na súa xusta medida que Santiago de Compostela non só debe o seu atractivo a unha conservación patrimonial de excelencia, senón tamén ás persoas que a manteñen viva, á veciñanza que a habita, que a sostén e que a mantén activa e atractiva».

Pola súa banda, a concelleira Míriam Louzao asegurou que «agora toca superar o ‘máis’ e centrarnos no ‘mellor’, e ante o turismo do ‘selfie’ e da visita rápida, apostamos polo turismo da curiosidade e da exploración». A concelleira de Turismo cualificou o Código de Boas Prácticas como «unha ferramenta moi interesante para a promoción de Santiago de Compostela como destino de turismo consciente e responsable que promove unha visita moito máis tranquila e completa e, polo tanto, máis satisfactoria para as miles de persoas que esperamos seguir recibindo, cada día, en Compostela».

Santiago na proxección internacional de Galicia

«Non debemos perder de vista que Santiago ocupa un lugar de vital importancia na proxección internacional de Galiza e que é o principal tractor turístico do noso país, polo que o noso modelo de turismo afecta e condiciona tamén a imaxe do conxunto do territorio galego» asegurou a alcaldesa.

Goretti Sanmartín expuxo os datos de visitantes do exercicio 2023: máis de 1,5 millóns de pernoctas, 3,5 millóns de pasaxeiras e pasaxeiros no Aeroporto Rosalía de Castro, e preto de 450.000 Compostelas entregadas na Oficina de Acollida a persoas peregrinas. Lembrou que se trata de datos históricos, xa que por primeira vez as cifras de visitantes do ano posterior ao Ano Santo son superiores ás do propio Ano Santo, e que certifican a posición de Santiago de Compostela como un destino turístico maduro e consolidado.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%