AD

Destacado

Santiago traballa na recuperación de 21 lavadoiros

today16 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago desenvolveu un plan de roza e limpeza de lavadoiros, que se complementará cunha segunda fase para súa recuperación e posta en valor. Estes traballos incluíron o baleirado e limpeza das pías, a roza da contorna da parcela, retirada de lixo, depósitos, lama e de herbas de raíz, cunha intervención inicial en 21 lavadoiros que vén de concluír.

Entre eles, actuouse no lavadoiro de Picaños, de planta octogonal e cun diámetro de dous metros. Trátase dun elemento etnográfico singular con oito zonas de lavado independentes en cada unha das caras do octógono, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. O espazo está delimitado por un muro de granito que serve de banco corrido ou de pousadoiro para o cesto da roupa. Na actualidade, xa se pode ver o resultado dos labores de limpeza e roza de vexetación neste lavadoiro de Picaños, necesarios para a segunda fase en que se vai proceder á limpeza en seco da cantería, ao saneado das lousas, impermeabilización e colocación dunha lousa que falta.

Impermeabilización e recuperación das canles de auga

Nesa segunda fase realizaranse actuacións de impermeabilización do vaso dos lavadoiros onde se detectou esta necesidade, xunto con labores de saneado e rexuntado de paramentos e a colocación de chaves para o peche do desaugue onde se precisen, para conseguir que se reactive a circulación da auga.

Nalgúns casos tamén se mellorará a pavimentación da contorna do lavadoiro, coa reposición de adoquinado e de lousas de pedra, así como o adecentamento das cubertas que posúen.

En concreto, nesa intervención actuarase los lavadoiros do Romaño, do Avío, Vite, Guadalupe, Salgueiriños de Arriba, Salgueiriños, Picaños e Casal do Castiñeiriño, por precisaren melloras para a súa conservación, logo de se avaliaren as patoloxías detectadas e de que se prescriban as actuacións de intervención para cada un deles.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%