Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A música galega ten relevo, e chega con forza. Tentáculo Rock, unha banda formada por catro rapaces de Ames de apenas 11 anos, vén de sorprender ao público tras proclamarse gañadores do concurso provincial Quero Cantar 2026 no emblemático Teatro Colón da Coruña, da man da Deputación. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, os seus membros deixaron claro que o seu proxecto vai máis alá dun simple hobby: “Queremos seguir, isto é motivador”, aseguraban, conscientes do camiño que teñen por diante.
O grupo, integrado por Carlos, Martiño, Lois e Leo, naceu case como un xogo infantil, improvisando música con “mazorcas de millo como baquetas e carretillas de plástico como batería”, pero axiña evolucionou cara a unha proposta sólida con identidade propia. “Eramos trío, pero ao incorporar a Martiño tivemos que cambiar o nome”, lembran. Así naceu Tentáculo Rock, unha formación que aposta por composicións propias e, sobre todo, polo uso do galego como lingua principal: “Facemos as nosas letras en galego porque é a nosa lingua”.
A súa recente vitoria na Coruña supón un punto de inflexión. “Estar no Teatro Colón xa é un premio bastante grande”, explicaba Carlos, mentres Lois recoñecía que a experiencia foi “unha loucura, estar no escenario con todo o público”. Ademais, o feito de competir sen apoio docente fronte a outros grupos reforza o mérito: “Éramos os únicos que íamos solos, sen profesor”.
O proceso creativo da banda é espontáneo e colaborativo. A canción coa que triunfaron, “Vou a 120”, xurdiu dun ensaio: “Empezamos cun ritmo e despois fun facendo a letra na casa”, relataba Carlos. As súas composicións abordan temas actuais e reflexións propias da súa xeración, como na canción “Xan”, onde critican a rapidez da vida moderna: “A xente de agora sempre ten moita presa, por iso será que xa non pensa”.
Lonxe de deixarse levar polo éxito, Tentáculo Rock mantén os pés na terra. Ensaios semanais, estudos e apoio familiar forman parte da súa rutina. “Isto é un hobby, pero queremos seguir”, afirman. Co premio económico, xa teñen plans: merchandising, novos instrumentos e melloras técnicas para o grupo.
A banda tamén ten claro o seu horizonte: máis concertos, presenza en festivais como Millarock e seguir creando música. “Encantaríanos vivir da música”, confesan, sen perder a ilusión. Mentres tanto, continúan a construír o seu camiño con humildade, talento e unha mensaxe clara: o rock en galego está máis vivo ca nunca.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)