AD

Actualidad

Teo solicita a declaración da Feira do San Martiño como Festa de Interese Turístico de Galicia

today29 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

Esta proposta da Alcaldía será analizada hoxe no Pleno do mes de maio co fin de iniciar os trámites necesarios ante a Axencia Turismo de Galicia

Con esta declaración preténdese incrementar e mellorar a calidade da oferta cultural, lúdica e turística do concello, protexer e conservar o patrimonio material e inmaterial do territorio e o emblemático espazo físico onde se realiza 

Tamén se debaterá a desafectación de varios investimentos, que pasan de ser financiados mediante operación de préstamo a ser financiados mediante remanente de Tesouraría derivado da liquidación positiva do exercicio 2023

Teo, 29 de maio de 2024.- O Pleno do Concello de Teo, que se realizará esta tarde, estudará a proposta da Alcaldía para solicitar a declaración da Feira do San Martiño como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Esta feira, que se celebra cada ano o 11 de novembro, está especializada na venda do gando cabalar, mular e asnal e conta con máis de 500 anos de antigüidade. Trátase, pois, dunha manifestación singular da cultura popular e da economía gandeira galega cunha verificable alta tradición histórica, recibindo especial atención por parte do Concello de Teo ao declarar esta xornada como festa local. Na actualidade, segue sendo unha das datas de referencia no calendario festivo e afectivo da veciñanza da bisbarra de Compostela.

Dada a súa relevancia e sendo o evento socio-cultural e económico máis importante do concello de Teo, o Goberno teense considera axeitado e moi necesario propor á Axencia de Turismo de Galicia a instrución do expediente para a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Neste senso, desde o Concello apélase ao seu alto valor cultural, gastronómico e etnográfico, salientando as súas características centradas na tradición gandeira do país e promocionando tamén os produtos locais e artesáns.

Desta forma, con esta declaración preténdese incrementar e mellorar a calidade da oferta cultural, lúdica e turística do Concello, protexer e conservar o patrimonio material e inmaterial do territorio, tanto o emblemático espazo físico onde se celebra esta festa dende hai máis de catro séculos -a Carballeira de Francos no Camiño de Santiago-, como o apego da propia veciñanza da bisbarra, afondando asemade no valor dunha memoria oral colectiva onde a feira exerce un protagonismo único.

Contención do gasto e remanente positivo

Outra proposta da Alcaldía que se debaterá no Pleno deste mes será a desafectación de varios investimentos, que pasan de ser financiados mediante operación de préstamo a serfinanciados mediante remanente de Tesourería derivado da liquidación positiva do exercicio 2023, a efectos de evitar cargas financeiras.

Así, tendo en conta o mal estado das infraestruturas e a necesidade de prestar novos servizos de especial interese público para a veciñanza de Teo, proporase levar a cabo o afirmado e acondicionamento das rúas Travesía de Montouto e anexa, así como as rúas Ameneiro, Castiñeiro e Carballo na zona dos Tilos. En canto a asfaltados, priorizaranse os de Chaves (en Lucí), Texexe, Coira, Montouto e o núcleo de Nespereira. Tamén se proporá a ampliación da vía e canalización de pluviais na zona de Mazas e a rede de saneamento e conexión á rede xeral na Torre e O Ferreiriño. Por último, con este remanente positivo tamén se abordará a compra do local da antiga Cámara Agraria e unha nave para trasladar alí o Servizo de Augas e locais sociais.

Outros temas que se tratarán

Unha vez finalizada a convocatoria pública para cubrir a vacante de xuíza ou xuíz de Paz titular do Concello de Teo e analizadas todas as solicitudes presentadas -foron un total de catro-, o Goberno teense aposta pola continuidade e proporá a elección de Iria Uzal como xuíza de Paz titular por considerar, en base aos seus méritos e experiencia previa, que é a persoa máis idónea para o desenvolvemento do cargo.

Por parte do grupo do PSOE de Teo, analizarase unha moción para solicitar que se creen bolsas para deportistas individuais do Concello de Teo, co fin de colaborar no seu perfeccionamento técnico e axudar na súa participación en competicións deportivas de alto nivel. Unha proposta que o propio Goberno teense tiña xa contemplado co inicio dunhas bases previas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%