Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 julio, 2026
O Concello de Rianxo levará a cabo a renovación integral do sistema de iluminación da vila grazas á concesión dunha subvención de 547.364,30 euros no marco da segunda convocatoria do programa de axudas para proxectos singulares de renovación das instalacións de alumeado exterior municipal do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Rianxo foi un dos 68 municipios de toda España seleccionados nesta convocatoria, o que permitirá executar un proxecto estratéxico para modernizar a rede de iluminación pública da vila.
A actuación contempla a renovación de arredor de 500 luminarias, que serán substituídas por novos equipos con tecnoloxía LED de alta eficiencia, así como a actualización dos sistemas de control e seguimento das instalacións, incorporando solucións dixitais que facilitarán unha xestión máis eficiente e sostible do servizo.
Ademais da mellora da calidade da iluminación nas diferentes rúas nas que se actuará, estímase que este proxecto permitirá un aforro anual próximo aos 50.000 euros nas arcas municipais grazas á redución do consumo enerxético e dos custos de mantemento.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, destacou a importancia desta actuación: «Trátase dun dos proxectos máis importantes da lexislatura, tanto polo seu orzamento como polas súas consecuencias. Fai moitos anos que a nosa vila adoece dunha adecuada iluminación e a execución desta actuación permitiranos renovar por completo o sistema de luminarias e mellorar dunha maneira moi notable a súa calidade».
Con este investimento, o Concello de Rianxo dá un paso decisivo cara a un modelo de iluminación máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente, ao tempo que reforza o seu compromiso coa sustentabilidade, a innovación tecnolóxica e a mellora dos servizos públicos.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)