Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 febrero, 2024
Ofrecerán un concerto o sábado no Auditorio Abanca, ás 19:00 h
As entradas poden adquirirse por 5 euros para o patio de butacas e por 3 € para o anfiteatro
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- Os “VI Encontros Troyanos en Compostela” celébranse esta fin de semana en Santiago. É unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya, co obxecto de reunir na capital galega a agrupacións musicais de corda pulsada, conformadas na súa marioría por antigos tunos, co fin de que interpreten o seu repertorio para cidadáns e visitantes. No evento colaboran a Deputación da Coruña e Afundación – Obra Social Abanca.
O acto central destes Encontros terá lugar o vindeiro sábado, 2 de marzo, cun concerto no Auditorio Abanca de Santiago, a partir das 19:00 horas. As entradas para o concerto -cuxa recadación se destinará ao Museo Casa de la Troya- poden adquirirse por 5 euros para o patio de butacas e por 3 euros para o anfiteatro. Estarán dispoñibles no Museo Casa de la Troya o xoves 29 de febreiro e o venres 1 de marzo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o sábado 2 de marzo pola mañá, de 11:00 a 14:00 h; e no Auditorio Abanca o mesmo día do concerto, de 17:00 a 19:00 h. Con este evento arranca a programación anual do Museo Casa de la Troya, que nas citadas datas estará aberto tamén para visitas.
«Continuamos coa liña de anteriores Encontros de achegar as nosas músicas tanto á cidadanía de Compostela como aos visitantes; co obxectivo de divulgar o noso repertorio, integrado por pezas que forman parte da banda sonora de Santiago, mesturando as cancións galegas con músicas de diferentes latitudes» -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o Museo Casa de la Troya-.
Encontro de tunas veteranas
No concerto actuarán, ademais dos anfitrións -Troyanos de Compostela- a Tuna de ICAI (Instituto Católico de las Artes y la Industria- ICADE de Madrid), a Tuna de Ingenierios Industriales de Zaragoza, a Tuna Universitaria de Vitoria-Gasteiz e a Tuna Ciudad de Luz de Eindhoven (Países Baixos). Todas as agrupacións participantes nestes Encontros están conformadas por persoas afeccionadas á música que na actualidade son profesionais en distintos ámbitos, unidos pola súa pertenza a unha Tuna Universitaria durante a súa etapa académica.
A agrupación Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya co propósito de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal. En 2018 presentaron o seu disco “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.
Written by: Líder Redacción
compostela concerto radio lider santiago santiago troyanos tunos
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)