Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Rois. 16-02-2024. O Día de Rosalía está á porta e o Concello de Rois celebrará esta data tan especial cunha serie de actividades pensadas para homenaxear a figura da gran poeta galega no 187 aniversario do seu nacemento. Ao longo do mes de febreiro, os veciños e veciñas de Rois terán a oportunidade de participar nun concurso en redes para lembrar o legado de Rosalía de Castro e celebrarán a Rosalía coa restauración do novo mural vexetal de Camilo Seira no edificio multiúsos. O propio 23 de febreiro, o Concello de Rois repartirá marcapáxinas e promoverá novamente a degustación do “Caldo de Gloria” nos establecementos hostaleiros do municipio. Tamén se instalará un photocall na biblioteca municipal dedicado á escritora.
Concurso en redes
Unha das iniciativas máis destacadas é a convocatoria a través das redes sociais baixo os cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía. O Concello anima a todas as persoas a compartir contidos relacionados coa poeta, desde lecturas dos seus versos ata reflexións sobre a súa obra, e así participar no sorteo de dous lotes de produtos artesanais realizados polo Centro Ocupacional Amipa.
A participación estará aberta dende o 19 ata o 29 de febreiro, ambos os dous incluídos, tanto en Facebook como en Instagram, rendéndolle así homenaxe á escritora nun espazo tan amplo como é a rede. Para optar ao premio cómpre acompañar a publicación nas redes sociais dos cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía.
Mural vexetal
Unha actividade que encherá de vida o edificio multiúsos de Rois é a restauración do mural vexetal dedicado a Rosalía de Castro e elaborado polo escultor local Camilo Seira. Este mural, que desde 2020 lles dá a benvida a todas as persoas que se achegan a estas instalacións municipais, é unha fermosa lembranza da influencia duradeira da poeta na cultura galega e unha forma de dar a coñecer a nenos e nenas tanto a Rosalía como a biodiversidade que hai en Galicia.
Degustación de caldo de gloria
O “Caldo de Gloria” é unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que se relata a épica diaria da supervivencia. O 23 de febreiro, os establecementos participantes na campaña ofrecerán de balde unha tapa de caldo e regalaranlle á súa clientela un marcapáxinas de Rosalía como recordo deste día tan especial.
A Taberna Angueira, a Taberna Casa Benjamín, o Hotel Camiño do Mar, o Mesón A Casiña, a Casa rural Fogar do Selmo, o Café-bar A Lúa, o Bar O Pemento, o Café-bar Rafa, o Club de golf Val de Rois e a Taberna Venezuela únense así á homenaxe á poeta.
Ademais, en colaboración cos centros educativos roisenses, repartiranse manteis e marcapáxinas entre os máis pequenos, implicando así ás novas xeracións na preservación e na valoración do legado de Rosalía de Castro. O Concello regalaralles tamén manteis e marcapáxinas ás persoas usuarias do centro de día de Urdilde e da asociación Amipa.
Marcapáxinas
Para que ningún veciño ou veciña de Rois esqueza este día, o Concello ten previsto o repartimento de marcapáxinas de Rosalía nas oficinas municipais e no edificio multiúsos, ademais de nos locais de hostalaría e centros educativos. Estes obsequios recollerán uns versos do poemario Follas novas, para recordar a importancia da escritora no patrimonio literario galego.
Photocall na biblioteca
Alén das actividades xa mencionadas, o Concello de Rois tamén ofrece unha oportunidade única para que os veciños e veciñas deixen a súa pegada no Día de Rosalía. Na biblioteca de Rois, a partir do propio día 23 de febreiro, estará dispoñible un photocall dedicado á autora
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)