AD

Sucesos

Un incendio deixa unha familia de catro persoas sen fogar en Noia

today1 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

O lume produciuse este martes nun inmoble da rúa Chile. Non se rexistraron danos persoais de gravidade e os Servizos Sociais municipais traballan xa para ofrecer unha alternativa de aloxamento ás catro persoas afectadas.

Un incendio rexistrado este martes nunha vivenda da rúa Chile, no barrio noiés de San Lázaro, provocou importantes danos no inmoble e obrigará á familia residente, formada por catro persoas, a permanecer fóra do seu fogar polo momento.

Ata o lugar do suceso desprazáronse efectivos do GES de Noia, Policía Local, Garda Civil e 061, así como unha dotación de bombeiros do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña con base en Boiro.

A pesar da entidade do incendio, non houbo que lamentar danos persoais de gravidade. O lume, con todo, afectou seriamente á vivenda, polo que a familia non poderá regresar a ela ata que as condicións o permitan.

Os Servizos Sociais mobilízanse para atender á familia

Tras o sucedido, os Servizos Sociais do Concello de Noia puxéronse en contacto coa familia afectada para atender as necesidades máis inmediatas derivadas do incendio.

Entre as actuacións previstas atópanse a procura dunha alternativa de aloxamento, a asistencia nos desprazamentos que sexan necesarios e garantir que os catro membros da familia teñan acceso aos bens básicos durante estes primeiros días.

Desde o Concello de Noia trasladaron o seu apoio á familia afectada e agradeceron a rápida intervención e o traballo desenvolvido por todos os efectivos que participaron no operativo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *