AD

Actualidad

Verea critica a falta de solucións dous meses despois do incendio da comisaría

today17 abril, 2026

Fondo
share close
AD

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, denunciou hoxe a “situación inaceptable” na que continúan traballando a Policía Nacional e sendo atendidos os cidadáns dous meses despois do incendio da comisaría, ao tempo que criticou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “nin sequera reciba aos traballadores que levan semanas pedindo unha reunión”.

“Despois de dous meses do incendio da Comisaría de Policía, os cidadáns e a Policía Nacional continúan nunha situación inaceptable”, advertiu Verea, en referencia ao campamento improvisado instalado na Praza do Obradoiro, onde os axentes prestan servizo en dúas furgonetas.

O dirixente popular explicou que “traballan á intemperie, encerrados mañá e tarde en dúas furgonetas”, unha situación que calquera pode comprobar “simplemente achegándose e falando cos propios policías ou cos cidadáns que agardan”. “En cuestión de segundos dáse un conta de que isto non é normal”, afirmou.

Verea criticou que esta solución provisional “se está alongando e alongando no tempo” cando existen “decenas de alternativas moito máis dignas”. “Faga frío ou calor, chova ou faga sol, con vento ou sen el, os cidadáns agardan á intemperie e a policía está encaixoada en dúas furgonetas que non están deseñadas para un traballo así durante tanto tempo no mesmo lugar”, denunciou.

Neste sentido, puxo cifras á situación: “Oito mil cidadáns tiveron que pasar por este campamento improvisado nestas semanas para renovar o DNI e o pasaporte”. “Oito mil persoas facendo cola á intemperie, sen posibilidade de sentarse e sen as mínimas condicións de intimidade”, engadiu.

A estas cifras súmanse outras 4.000 persoas atendidas nun espazo provisional fronte á comisaría, “nun lugar diminuto no que se mesturan situacións completamente distintas, desde unha nai cun neno pequeno ata persoas detidas pendentes de declaración”.

Para Verea, esta situación supón “unha auténtica falta de respecto” e evidencia “a total desconexión de Goretti Sanmartín coa cidade”. “É un problema que ten diante do seu nariz. Non hai que buscalo lonxe”, subliñou.

Ademais, denunciou que a alcaldesa “nin sequera é quen de recibir aos traballadores da Policía Nacional, que levan semanas pedindo unha reunión”, lamentando que “non tivera nin un minuto para atendelos, nin sequera para escoitalos”.

“A única solución que se está ofrecendo desde o Ministerio do PSOE e o Concello do BNG é manter este campamento indigno á intemperie que se prolonga no tempo”, criticou, engadindo que “para o que parece que non hai problema de espazo é para a súa ideoloxía”.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *