AD

Actualidad

Verea propón crear a Casa das Familias onde atender os desafíos da adolescencia compostelá

today9 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O líder popular definiuno como o primeiro Centro de Apoio ás Familias de titularidade municipal de Galicia

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, presentou esta mañá unha nova proposta dentro do paquete de medidas que o seu grupo leva semanas formulando para mellorar a vida das familias compostelás: a creación da Casa das Familias, un centro municipal de apoio, orientación e acompañamento pensado para atender as necesidades das familias en distintas etapas da vida.

Verea lembrou que nas últimas semanas o PP vén presentando distintas iniciativas centradas nas familias, desde a organización municipal das actividades extraescolares, a Parada Familiar ou a Bolsa Familiar Zona Azul ata o programa de inmersión lingüística de 3 semanas en Irlanda no verán, ou o recentemente anunciado Servizo Municipal de Canguraxe.

“Levamos varias semanas falando de algo moi simple: de como construír un Santiago que acompañe mellor ás familias”, explicou.

Neste contexto, o líder popular deu a coñecer a proposta da Casa das Familias, que definiu como “o primeiro Centro de Apoio ás Familias de titularidade municipal de Galicia”.

Segundo explicou, trataríase dun espazo próximo, accesible e pensado para acompañar ás familias compostelás nas etapas máis difíciles da vida familiar, ofrecendo recursos de apoio e orientación ante situacións que afectan a moitos fogares.

“Todas as familias pasan momentos difíciles. Hai etapas marabillosas, pero tamén momentos de tensión, de cansazo, de preocupación, problemas na convivencia, dificultades coa adolescencia, ou simplemente esa sensación que teñen moitos pais e nais de non saber ás veces como afrontar determinadas situacións”, sinalou.

A Casa das Familias ofrecería servizos de acompañamento emocional, mediación familiar, orientación profesional e atención específica á adolescencia, unha etapa que, segundo indicou Verea, preocupa cada vez máis a moitas familias.

Verea quixo subliñar que non se trata dun recurso reservado para situacións graves ou excepcionais, senón dun servizo aberto ao conxunto das familias compostelás.

“Estamos falando dun espazo aberto a todas as familias compostelás. Porque todas as familias pasan momentos difíciles ao longo da vida e porque pedir apoio non debería ser visto como algo excepcional. Debería ser algo normal”, afirmou.

A proposta inclúe tamén actvidades e obradoiros sobre crianza, comunicación, convivencia, adolescencia ou o uso responsable da tecnoloxía.

“Hoxe moitos pais e nais senten que teñen que afrontar retos completamente novos sen ferramentas e sen apoio”, advertiu.

Para o tamén deputado autonómico, as administracións locais deben ir máis alá da prestación de servizos básicos e asumir tamén un papel de acompañamento ás persoas.

“Eu quero un Santiago que estea máis preto das familias. Un Santiago que acompañe, que escoite e que axude. Porque ás veces as cidades preocúpanse moito polas infraestruturas e moi pouco polas persoas. E eu creo que unha cidade familiar tamén é aquela que sabe estar ao lado da xente cando máis o necesita”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *