Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 septiembre, 2026
55 artistas galegos, como Quintana Martelo, Morquecho, Rafael Masiá, Ramón Conde, Xoán Pardiñas, Camilo Seira, Carmen Prado, María Xosé Díaz ou Pitelos, colaboran desinteresadamente na iniciativa solidaria, cuxa recadación será destinada ao comedor social que cumpre 135 anos
Manuel Nieto, vicepresidente da Asociación, comisario da mostra e artista plástico: “A mostra é moi variada, cun extenso plantel de artistas, na que se poderán apreciar obras realistas, figurativas, paisaxistas e mesmo expresionistas e abstractas”
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación Área Empresarial do Tambre, que preside José F. Alborés, inaugurará unha exposición solidaria a favor da Cociña Económica de Santiago, que dirixen Javier Brage e sor Clara Gallego, tamén superiora da comunidade Hijas de la Caridad, a orde relixiosa que alberga o comedor social que cumpre 135 anos. O acto inaugural da mostra artística “Arte que suma” celebrarase na sede Afundación Abanca Obra Social, que colabora así coa iniciativa benéfica, o mércores-30 ás 19:30 horas na Praza de Cervantes, soto 1.
A exposición, que ten como lema ‘A túa achega tamén pinta un futuro mellor. Cultura que constrúe sociedade’, pretende recadar fondos coa venda das obras dos máis de 50 artistas que participan voluntariamente nesta acción cultural e solidaria. A recadación entregarase como donativo ao comedor social.
Manuel Nieto, vicepresidente da Asociación, comisario das exposicións da entidade empresarial e artista plástico, está ao fronte desta iniciativa: “A mostra é moi variada, cun extenso plantel de artistas, na que se poderán apreciar obras realistas, figurativas, paisaxistas e mesmo expresionistas e abstractas. Os artistas composteláns non son alleos a este tipo de chamadas e seguen colaborando con nós moi amablemente, porque, en realidade, eles son os primeiros que aportan o froito do seu esforzo creativo sen pedir nada a cambio, véndase a súa obra ou non, colaborando desinteresadamente. Toda a xunta directiva da Asociación e máis eu estámoslles moi agradecidos a todos eles”.
Nieto explica que esta iniciativa é unha máis das que a Asociación ven facendo no marco das súas accións de cooperación solidaria. “Nesta ocasión a beneficiaria é Cociña Económica, que ben se merece toda a nosa axuda pola súa labor desinteresada e tenaz”. Por suposto, animamos a toda a cidadanía e turistas a que visiten a exposición e agardamos que o propio día da inauguración xa se merquen todas as obras para que así a acto sexa un éxito e poidamos cumprir este bo obxectivo”, engade.
Pola súa parte, sor Clara Gallego celebrou con entusiasmo a iniciativa da entidade empresarial: “Estamos muy agradecidas de que el Tambre se haya fijado en la Cocina Económica, ya que los suministros alimentarios han bajado bastante y nuestros usuarios han aumentado. Es una alegría la aportación que nos anuncia la asociación del Tambre”.
Os 55 artistas que participan na mostra, que estará aberta ata o 23 de outubro, son:
Alfonso Ribero de Aguilar, Amparo Ribeiro, Ana Esmorís, Antonio Abad, Antonio Dpou, Antonio Fernández Souto Cortizo, Beatriz Barcia, Camilo Seira, Carmen Taboada, Carmen Prado, Carmen Sampedro, Carmen Torres, Deiviz Kostoya, Delio Sánchez, Ehlaba, Esther Molinero, Estrela Rúa, Fernando Cobo Gradín, Fran Lareo, Isabel Rey, J. Méndez Pitelos, Jesús Ferradáns, Joaquín Cortés, José Luis Iglesias Diz, Juan Perrisco, J. Jiménez, Lola Sanz, Luis Gayol, Manuel Quiñoy, Margot Esmorís, María Xosé Díaz, Marisa MartoreLl, Mary Olivares, Morquecho, Myrian Martín, Nando Pereiro, Nietto, Nolo Suárez, Pablo Galego, Pepa Mariño, Pilar Feas, Manuel Quintana Martelo, Rafael Masiá, Ramón Conde, Roni Herrán, Salvador Figueira Laíño, Silvia G. Armesto, Suly, Tino Canicoba, Vicente Ruiz, Xavier Carrasco, Xesús Vázquez, Xoán Pardiñas, Xurxo Ameneiro e Xurxo Martiño.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)