AD

Comarca

O concerto da orquestra folk SonDeSeu pechou tres días de celebración en Bugallido

today19 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

Elevada participación de público tanto o sábado na Carballeira das Letras como o domingo no San Isidro

Programouse unha variada proposta de actuacións para todos os públicos, para celebrar conxuntamente as nosas tradicións, cultura e lingua

Ames, 19 de maio de 2026.- A veciñanza de Bugallido e numerosos visitantes déronse cita en Ames para participar nunha completa fin de semana festiva que serviu para exaltar a identidade da parroquia. Tras superar a incerteza meteorolóxica das primeiras horas, as xornadas transcorreron cunha magnífica acollida de público. A proposta cultural e lúdica consolidou a Carballeira e o San Isidro como dúas propostas ideais para o intercambio interxeracional, facilitando a transmisión de valores patrimoniais e lingüísticos no ámbito rural.

A xornada do sábado estivo dedicada de cheo a conmemorar o Día das Letras Galegas na carballeira de Bugallido. O programa arrincou co espectáculo infantil As mil e unha, no que Vero Rilo e Luis Iglesias achegaron ao público cativo a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano. A continuación, a sesión vermú correu a cargo de Los Jinetes del Trópico, que fixeron bailar a todos os asistentes.

Xa pola tarde, viviuse un dos momentos máis emotivos coa exhibición do alumnado das escolas de música e baile de Bugallido, onde pequenos e maiores demostraron os seus avances nas disciplinas tradicionais. A innovación veu da man do Colectivo do Flow e a súa proposta de teatro improvisado, mentres que o broche de ouro do día correu a cargo do grupo Tiruleque, que animou os máis bailadores cun concerto de música folk.

Celebración do San Isidro o domingo

O domingo, a tradicional festa de San Isidro encheu de novo Bugallido cunha gran afluencia de público. A vertente máis tradicional iniciouse coa misa, cantada pola Coral Polifónica de Bugallido e coa participación das pandeireteiras máis novas na ofrenda ao santo. O baile tradicional colleu o relevo coas actuacións dos grupos locais A Chaviña, Pedradán, Hortas da Maía e Fieitos e Papoulas, xusto antes da agardada degustación de callos e empanada ao son da Charanga Santa Compaña.

Tras os xogos infantís e as sobremesas da tarde, chegou o agardado momento do concerto de peche con SonDeSeu. A Orquestra de Música Folk de Galicia ofreceu un concerto maxistral cos seus 60 integrantes, nun formato de exterior moi pouco habitual, selando así unha intensa e festiva fin de semana.

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboraron na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias.

Dende a organización fan un balance moi positivo: “esta fin de semana demostrouse a utilidade de seguir facendo comunidade desde a parroquia. A través dunha axenda que combinou diferentes estilos e disciplinas, Bugallido reafirmou a súa aposta pola cultura en galego, demostrando tamén que é posible descentralizar a programación e achegar propostas de alto nivel artístico directamente ao medio rural”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *