Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 mayo, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou este luns unha nova batería de propostas centradas nas familias compostelás, coa posta en marcha dun programa municipal de inmersión lingüística en Irlanda para alumnado de terceiro da ESO e cunha ampliación “ambiciosa” da oferta de campamentos municipais por toda Galicia.
Verea lembrou que a pasada semana o PP de Santiago xa presentara medidas vinculadas ao día a día das familias compostelás, como as actividades extraescolares organizadas polo Concello, a Parada Familiar ou a bolsa familiar na Zona Azul. “Falabamos dos horarios imposibles, da falta de tempo, dese vivir sempre correndo, e presentamos medidas moi concretas para facerlles a vida máis doada ás familias”, explicou.
“Porque creemos que unha cidade moderna ten que acompañar mellor ás familias no seu día a día. E hoxe queremos dar un paso máis”, sinalou.
O líder popular puxo o foco nas oportunidades dos máis novos e asegurou que hai unha pregunta que todos os pais e nais se fan: “Que oportunidades van ter os nosos fillos dentro duns anos?”.
“Todas os pais e nais queremos algo parecido. Queremos que os nosos fillos teñan máis oportunidades ca nós, que poidan aprender máis, coñecer máis e chegar máis lonxe”, afirmou.
Como pai de tres fillos, Verea asegurou que hai unha idea que debe guiar unha cidade moderna: “As oportunidades dos fillos non poden depender do peto dos pais e nais”.
Nese sentido, anunciou a creación dun programa municipal para que os nenos e nenas de terceiro da ESO de Santiago poidan pasar tres semanas en Irlanda durante o verán, convivindo con familias nativas, mellorando o inglés, coñecendo outras realidades, gañando autonomía e abrindo a mente.
“Aprender un idioma é importante, pero vivir unha experiencia que che cambia a maneira de ver o mundo é aínda máis importante”, destacou. “Porque unha cidade non só ten que resolver problemas; tamén ten que abrir oportunidades”.
Así, explicou que os cálculos do PP de Santiago sitúan o investimento necesario entre 1,3 e 1,5 millóns de euros para garantir que todos os alumnos e alumnas de terceiro da ESO empadroados en Santiago e con todas as materias aprobadas en segundo da ESO poidan participar.
“Como digo, hai cidades que xa teñen en marcha este mesmo programa. Polo tanto, se outros poden, Santiago tamén pode. Como sempre digo: non somos menos ca ninguén”, afirmou.
O líder popular tamén deixou claro que “ningún rapaz nin ningunha rapaza quedaría fóra deste programa por cuestións económicas”.
“Co orzamento que plantexamos, perfectamente ampliable se fose necesario, todos os rapaces de terceiro da ESO cuxas familias así o desexasen poderían participar neste programa municipal, financiado polo Concello”, explicou.
Xunto a esta iniciativa, o PP de Santiago tamén propón ampliar a oferta municipal de campamentos de verán para ofrecer máis experiencias ás familias compostelás. “Cando chega o verán todas as familias queremos algo parecido: que os nosos fillos e fillas aproveiten o tempo, descubran cousas novas, fagan amizades, vivan experiencias e tamén aliviar a carga das familias que teñen que seguir traballando durante eses meses”, explicou.
“Queremos multiplicar a oferta municipal de campamentos, dando un salto de calidade e tamén de ambición”, afirmou.
Segundo detallou, a proposta pasa por desenvolver campamentos por toda Galicia vinculados ao deporte, á innovación e á creatividade. “Queremos que os nenos e nenas composteláns poidan descubrir Galicia dunha maneira diferente. Desde a Costa da Morte ata O Courel. Surf ou robótica, natureza ou tecnoloxía, mar ou cultura”.
“Un campamento, moitas veces, é moito máis ca unhas vacacións. É a primeira vez que moitos nenos e nenas dormen fóra da casa, a primeira vez que fan amizades fóra do colexio, as primeiras aventuras”, destacou.
Verea insistiu en que o obxectivo destas medidas é “ofrecer novas oportunidades aos mozos e mozas santiagueses” e “acompañar ás familias nas pequenas cousas do día a día”. Ademais lembrou que actualmente “existe un único pequeno campamento municipal fóra de Santiago para apenas 24 rapaces” e avanzou que a proposta do PP pasa por pasar “desa realidade a entre nove e once campamentos por toda Galicia, chegando a arredor de 350 rapaces”.
VALORACIÓN ENQUISAS
Preguntado pola enquisa de Sondaxe coñecida esta fin de semana, Verea asegurou que a recibe “con moita prudencia, pero tamén con moita responsabilidade”.
“Queda un ano. Queda moitísimo traballo por diante. As eleccións non se gañan nas enquisas. Gáñanse escoitando, percorrendo os barrios, presentando propostas e construíndo unha alternativa seria e real para Santiago”, afirmou.
Con todo, recoñeceu que hai un dato que os “anima e motiva moito”: “Cada vez máis composteláns queren abrir unha nova etapa nesta cidade”.
“Nós imos seguir facendo exactamente o mesmo que fixemos desde o primeiro día: presentar propostas, estar preparados e construír unha alternativa de goberno para Santiago”, asegurou.
“Non mudamos nada, porque cando algo funciona, o que hai que facer é intensificalo: escoitar, percorrer os barrios, presentar propostas e construír unha alternativa seria de goberno”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)