AD

Actualidad

A Xunta destaca o papel de Fala que Fala como exemplo de promoción da lingua nos centros educativos

today25 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

A Xunta de Galicia presentará o vindeiro mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais do Pacto pola Lingua impulsado polo Executivo autonómico. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación no Parlamento, durante a que incidiu en que, tomando como base esta nova proposta, “ábrese un novo escenario para acadar medidas fundamentais para a nosa lingua”.

Neste sentido, o representante do Goberno galego lembrou que “desde o principio tivemos a man tendida á participación neste proceso polo ben do galego, no que implicamos sempre os grupos parlamentarios que así o quixeron”. Ademais, destacou que a renovación do plan é o resultado do traballo de 11 comisións de expertos en diferentes materias que, durante os últimos meses, realizaron máis de 400 contactos e recompilaron arredor de 1.400 propostas, incluíndo as achegas da cidadanía a través dun buzón virtual.

Durante a súa intervención, López Campos tamén puxo o foco noutras medidas desenvolvidas a favor da lingua mentres se avanzaba paralelamente na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, co obxectivo de “fomentar e prestixiar o idioma en moi diversos ámbitos e sectores profesionais”.

Entre estas actuacións, destacou os 100 cursos de lingua e cultura galegas postos en marcha para persoas procedentes de fóra de Galicia, nos que participaron máis de 1.500 persoas, así como outras iniciativas formativas dirixidas a ámbitos específicos como a sanidade, a administración pública ou a xustiza.

Así mesmo, o conselleiro salientou que en 2025 se celebraron por primeira vez as probas Celga en liña, unha iniciativa para a que se recibiron máis de 600 solicitudes e que permitiu avanzar no obxectivo de facilitar a validación e acreditación do coñecemento da lingua galega a un maior número de persoas.

López Campos tamén destacou a colaboración da Xunta nas actividades de dinamización lingüística que se desenvolven nos centros educativos, entre as que se atopan Falamos +, Fala que Fala e 21 días co galego. Todas elas, segundo indicou, están orientadas a achegar a lingua galega á mocidade e fomentar o seu uso habitual entre as novas xeracións.

No caso de Fala que Fala, trátase dunha iniciativa coorganizada por Radio Líder e a Secretaría Xeral da Lingua que promove a participación do alumnado en actividades de comunicación e divulgación en galego, contribuíndo a reforzar a presenza da lingua nos centros educativos e entre a xente nova.

Ademais, a Administración autonómica continúa a impulsar contidos dixitais destinados ao público xuvenil, como os que ofrece o portal Xabarín.gal, co propósito de incrementar a presenza do galego nos novos espazos de comunicación e consumo audiovisual.

Máis de 500 estudantes participan este mércores en Santiago na gala final de Fala que Fala

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *