Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• Os traballos de asfaltado iniciados este martes na N-550 durarán entre tres semanas e un mes
• As obras no tramo padronés da N-550 e da N-550a contan cun orzamento de 500.000 euros
• Anxo Arca celebra “ver as máquinas xa traballando” e agradécelle ao Goberno central “cumprir co Concello de Padrón”
• Pedro Blanco lembra que, tras estas obras, o Ministerio de Transportes investirá 3 millóns de euros na humanización desta estrada dende A Ponte ata o centro da vila
Padrón.9-6-2026.-O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisaron esta mañá o inicio dos traballos de asfaltado na estrada N-550 ao seu paso polo municipio padronés. Unha actuación que forma parte do Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas que o Ministerio de Transportes está a executar para reparar os danos provocados polos temporais do inverno nas estradas galegas competencia do Estado.
Arca e Blanco estiveron acompañados polo polo xefe da Demarcación de Estradas do Estado na provincia da Coruña, Francisco Prego, e pola tenente de alcalde de Padrón, Chus Campos.
Na visita ás obras, o delegado do Goberno explicou que os traballos que arrancaron este martes 9 de xuño constan dun orzamento de 500.000 euros para o tramo padronés da N-550 e da N-550a.
Destinaranse 300.000 para a reparación máis urxente e 200.000 para actuacións puntuais e de mantemento.
As obras que se están a executar consisten fundamentalmente no fresado e reposición do firme, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade.
Unhas obras “moi necesarias nunha vía de comunicación importantísima para Padrón e para Galicia”, subraiou o alcalde, que se amosou moi agradecido “por ver as máquinas xa traballando”.
Anxo Arca deulle as grazas ao delegado e ao Goberno central por cumprir co Concello. “Padrón nos últimos tempos está presente para o Goberno de España, e dá gusto cando un ten necesidades ver que se escoitan”, asegurou.
Agora, desde o Concello seguirán o transcurso das obras, que Arca explicou que, no caso da N-550, durarán “en torno a tres semanas ou un mes se o tempo acompaña e non hai incidencias”. Os traballos empezaron esta mañá na circunvalación e seguirán desde a rotonda do Hotel Scala en dirección cara a Santiago. A continuación, está previsto que as obras de mellora continúen tamén na N-550a, a antiga nacional, desde a mesma rotonda e ata a ponte de Pontecesures. “Unha vez concluídos, teremos unha infraestrutura nunhas condicións óptimas para que sexa segura para toda a intensidade de tráfico que soporta a diario”, celebrou o alcalde.
Os traballos de mellora do firme da N-550 ao seu paso por Padrón forman parte das obras de emerxencia que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible executa nas estradas galegas das catro provincias para reparar os danos provocados polos temporais do inverno, realizadas dentro do Plan Especial de Estradas en Galicia, dotado con 167 millóns de euros e que deixa en Padrón 500.000 euros para a mellora do seu tramo da N-550 e da N-550a.
Na súa visita ao municipio padronés, Blanco subliñou que este Plan Especial mobiliza 38 millóns de euros extraordinarios que, sumados ao investimento ordinario, “permiten alcanzar en 2026 a cifra récord de 167 millóns destinados á conservación das estradas do Estado en Galicia, o maior investimento anual da historia recente”.
Melloras na travesía da N-550 por Padrón
En paralelo a estas melloras, Pedro Blanco e Anxo Arca lembraron que o Ministerio de Transportes investirá 3 millóns de euros para transformar a travesía da N-550 en Padrón, entre A Ponte e o centro da vila. As obras convertirán esta estrada nunha zona máis segura e adaptada a novas formas de mobilidade, “cumprindo cunha demanda histórica do Concello e da veciñanza”.
En declaración aos medios de comunicación, subliñaron que esta actuación creará unha vía segura e accesible, con espazo para os peóns, carril bici, zonas verdes e mobiliario urbano, que se estenderá ao longo de case un quilómetro entre o centro urbano e o límite coa provincia de Pontevedra.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)