AD

Actualidad

Marta Abal carga contra a «improvisación» de Sanmartín: «Hai máis de 15 millóns en facturas sen pagar»

today9 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Marta Abal critica que o Goberno municipal aprobase a modificación da Relación de Postos de Traballo cun informe desfavorable da Intervención e sen explicar como pensa resolver o colapso na tramitación das facturas.
  • A concelleira socialista advirte de que o executivo “vai dando bandazos” e acusa a Goretti Sanmartín de actuar “sen planificación” nun momento no que o Concello afronta un período medio de pago disparado e a necesidade de recorrer ao fondo estatal para pagar provedores.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a improvisación do Goberno de Goretti Sanmartín na xestión das facturas do Concello ao aprobar unha modificación da RPT que elimina postos da unidade creada para tramitalas sen ofrecer unha alternativa, nun momento no que se acumulan máis de 15 millóns de euros pendentes de pago e o período medio de pago a provedores segue disparado.

A edil socialista lembrou que foi o propio executivo de Goretti Sanmartín quen decidiu a principios de mandato centralizar a tramitación das facturas na Coordinación Xeral, unha medida que o grupo socialista xa cuestionou desde o primeiro momento. “Xa daquela dixemos que non compartiamos esa decisión”, recordou, porque “as facturas debe tramitalas a unidade que executa o gasto”, que é “quen coñece o contrato, o servizo prestado e o expediente”.

Agora, advertiu, o Concello chega a esta situación con “máis de 15 millóns de euros en facturas pendentes”, co “período medio de pago disparado” e coa “obriga de acudir ao fondo estatal para pagar provedores en 2026”, un contexto no que considera que o Goberno municipal “volve improvisar”.

Neste sentido, Abal criticou que o executivo “amortiza sete postos desa unidade que eles mesmos crearan para tramitar facturas”, pero “non explica que alternativa vai poñer no seu lugar” e simplemente afirma que “o estudará máis adiante, cando funcione a nova aplicación de contabilidade”.

Para a concelleira socialista, esta falta de planificación provoca que, “mentres tanto, as facturas seguen acumulándose e os provedores seguen sen cobrar en prazo”, sen que o Goberno municipal sexa capaz de ofrecer unha solución clara para resolver o problema.

Por iso, insistiu en que “non se pode aprobar unha RPT así”, “sen planificación”, “sen dar resposta real ás necesidades do Concello” e “cun informe desfavorable da Intervención”, ao considerar que a reorganización aprobada non responde aos problemas reais que afronta a administración municipal.

Finalmente, Marta Abal advertiu de que “Santiago non pode permitirse un Goberno que vai dando bandazos mentres se acumulan millóns de euros en facturas pendentes” e reclamou ao executivo local que deixe de improvisar e presente unha planificación seria para normalizar a xestión económica e administrativa do Concello.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *