Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 junio, 2026
Ames, 10 de xuño de 2026 – O Concello de Ames presentou esta mañá a novena edición do Ames Jazz, que se vai celebrar os días 3 e 4 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e que contará coas actuacións de Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío. Este ano, tamén se inclúe na programación un ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación. O obxectivo deste festival é darlle visibilidade ao panorama do jazz galego.
Esta mañá o Pazo da Peregrina acolleu a presentación da que será a novena edición do festival Ames Jazz, que se celebrará os vindeiros venres 3 e sábado 4 de xullo por diferentes emprazamentos da localidade de Bertamiráns, como son o propio Pazo da Peregrina, o bar O Transistor e o paseo do Rego do Ameneiral. No caso de choiva, os concertos trasladaranse ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ou ao interior do Pazo da Peregrina.
Á presentación acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica municipal de Cultura, María Vázquez; o director artístico do festival, Xacobe Martínez; o músico compoñente do grupo MBM Trío, Antonio Bravo; o músico compoñente de Manuel Cebrián Trío, Manuel Cebrián; e a representante de Mada producións, Inés Portela.
O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “dende o principio decidimos apostar polo jazz e xa imos pola novena edición”, xa que “cremos realmente que toda a cultura é importante e dende as administracións debemos de traballar e apoiar todas as expresións culturais”. O alcalde tamén quixo destacar que “o propio festival xa se está consolidando cun nome propio dentro do panorama galego e da contorna, co cal ese é o traballo que debemos seguir facendo. Queremos que Ames se converta nese escaparate cultural, precisamente no momento no que estamos. Queremos apostar e que todo o mundo teña acceso á cultura en total liberdade”. Para finalizar, o Blas García reflexionou que “os concellos non buscamos un beneficio económico, buscamos que todas as persoas poidan acceder á cultura”.
En canto ao director artístico do festival, Xacobe Martínez, este quixo recalcar que “nos acostumamos rápido ao bo, pero hai que poñer en valor o feito de ter unha cita co apoio do Concello e a súa aposta decidida pola cultura”. Algo que secundou o integrante de MBM Trío, Antonio Bravo, quen mencionou que “non existen en Galicia tantos espazos nin festivais de jazz tan interesantes coma este. Que haxa concellos pequenos con estes espazos é moi importante, nos que poder presentar a túa proposta con total liberdade”. Pechou a rolda de declaracións Manuel Cebrián, quen deu as grazas “por apostar polo jazz e programar cultura, que nestes tempos é moi importante”.
Programación do Ames Jazz 2026
Esta novena edición do festival abrirase o vindeiro venres, 3 de xullo, coa actuación de Manuel Cebrián Trío ás 22.00 horas no Pazo da Peregrina. O proxecto liderado polo guitarrista e compositor Manuel Cebrián, xunto a Paco Charlín no contrabaixo e David Puíme na batería achega unha proposta musical inspirada na familia, a natureza, a vida e a morte, un jazz vibrante cun son netamente acústico.
Xa o sábado, a xornada abrirase cunha sesión vermú a cargo de Suelen Estar Quartet, ás 13.30 horas no bar O Transistor. Sen partituras pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais diversos, Suelen Estar Quartet preséntase como unha formación pioneira da escena nacional que basea as súas interpretacións da libre improvisación sobre os instrumentos clásicos de corda.
Pola tarde, ás 19.00 horas, chegará unha das principais novidades desta edición: o ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación, no paseo do Rego do Ameneiral. A OGL presenta un ensemble dunha vintena de músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación. Teñen 3 discos publicados no mercado.
Pechará o festival MBM Trío, ás 22.00 horas, no Pazo da Peregrina. Esta é unha agrupación formada por Baldo Martínez, Antonio Bravo e Lucía Martínez e supón unha das grandes achegas ao jazz contemporáneo galego. A frescura e riqueza da súa música fan desta unha proposta máis sedutoras, tamén, da actual escena jazzística estatal. O obxectivo da súa música é explorar diversas facetas dentro da improvisación, que van dende marcos con certa densidade harmónica e rítmica ata campos mais próximos ao free jazz e incursións na libre improvisación.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)