AD

Actualidad

ASANOG anima a participar na Andaina Solidaria de Oroso a prol do seu labor coas familias de menores con cancro

today12 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Aldara Palmeiro, responsable de comunicación da Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia, destaca a importancia desta iniciativa organizada polo Concello de Oroso para contribuír ao acompañamento que a entidade presta a centos de familias de toda a comunidade

A Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG) anima á cidadanía a participar este domingo 14 de xuño na Andaina Solidaria organizada polo Concello de Oroso, unha iniciativa coa que se busca recadar fondos para apoiar o labor que a entidade desenvolve xunto a menores con cancro e ás súas familias en toda Galicia.

A cita arrancará ás 10:00 horas na Praza do Concello de Sigüeiro e contará cun percorrido de cinco quilómetros aberto a persoas de todas as idades. A participación será libre e non será necesario realizar inscrición previa. Ademais da marcha, ASANOG instalará unha mesa informativa na que os asistentes poderán coñecer máis de preto o traballo da entidade e colaborar adquirindo produtos solidarios ou rifas para un sorteo que terá lugar ao remate da xornada.

Aldara Palmeiro lembrou que existen diferentes formas de apoiar o labor da asociación. Ademais de participar na andaina, a cidadanía poderá colaborar mediante a compra dos produtos solidarios que estarán á venda durante a xornada ou adquirindo rifas para o sorteo que se celebrará ao remate da marcha. Tamén será posible facerse socio de ASANOG a través dunha cota anual de 10 euros. «Por moi pouco que nos pareza, sempre estamos axudando dunha forma ou doutra. Toda axuda é benvida», sinalou. Ademais, as persoas que non poidan asistir terán a posibilidade de colaborar a través de Bizum co código 11243.

A responsable de comunicación destacou a importancia deste tipo de iniciativas para que a asociación poida continuar acompañando ás familias que afrontan un diagnóstico de cancro infantil. «É moi difícil poñerse na situación destas familias, pero só de imaxinar o que pode ser o impacto para elas recibir esta noticia e sentirse acompañadas durante todo este proceso, que é moi complexo, é importantísimo».

Palmeiro explicou que ASANOG conta cun equipo multidisciplinar que acompaña ás familias durante todo o proceso da enfermidade, ofrecendo apoio emocional, social e terapéutico adaptado ás necesidades de cada caso. A entidade traballa tanto cos menores como co seu entorno familiar para afrontar as diferentes situacións que poden xurdir desde o momento do diagnóstico. «O noso equipo está cada día acompañando ás familias desde o traballo social, a psicoloxía, a terapia ocupacional e no ocio e tempo libre».

Preto de 300 familias acompañadas en Galicia

ASANOG desenvolve a súa actividade en toda Galicia e presta atención directa nos hospitais con servizos de oncoloxía pediátrica de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. «O ano pasado fixemos atención a arredor de 300 familias en toda Galicia». Así o destacou Aldara Palmeiro, quen explicou que esa cifra inclúe tanto novos diagnósticos como familias ás que a entidade segue prestando apoio ao longo do tempo. A responsable de comunicación subliñou que ese acompañamento non remata coa chegada do diagnóstico, senón que se mantén durante todas as etapas da enfermidade. «Hai diferentes fases: o debut, a fase do tratamento ou as altas; sempre estamos ao lado das familias», sinalou.

Ademais da atención directa que presta nos hospitais, ASANOG conta co programa Sumamos, no que se integran iniciativas, eventos solidarios e colaboracións que contribúen a recadar os fondos necesarios para que a entidade poida seguir desenvolvendo o seu labor de acompañamento ás familias.

O apoio de Oroso

A responsable de comunicación de ASANOG tamén agradeceu o apoio que a entidade recibe habitualmente en Oroso. «A veciñanza de Sigüeiro e de Oroso en xeral é moi colaborativa con nós e a xente responde moi ben». Palmeiro lembrou que a asociación participa ao longo do ano noutras iniciativas solidarias que se celebran no municipio, como as organizadas por Lembranzas do Tambre ou o Festival XiraTroita, e destacou que esa implicación constante da veciñanza resulta fundamental para dar visibilidade ao labor da entidade e seguir recadando fondos para apoiar ás familias.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *