AD

Comarca

A Deputación impulsará a residencia de maiores de Rianxo con 59 prazas

today29 julio, 2026

Fondo
share close
AD

A futura residencia pública para persoas maiores de Rianxo continúa avanzando na súa tramitación. O Pleno ordinario da Deputación da Coruña previsto para este venres someterá á súa aprobación o convenio de cooperación co Concello para a construción do edificio e a posta en marcha da denominada Casa de Acompañamento a Persoas Maiores, un equipamento que se situará nunha parcela municipal xunto ao IES Félix Muriel.

O acordo chega despois de que o Concello aprobase o pasado mes de abril a cesión dos terreos á institución provincial, un paso necesario para desenvolver o proxecto. Paralelamente, tamén se iniciaron os traballos correspondentes ao estudo xeotécnico, previo á redacción do proxecto construtivo.

Segundo as previsións, a residencia contará con arredor de 59 prazas e responderá a un modelo de atención diferente ao das residencias convencionais. A proposta aposta por un centro de dimensión reducida, integrado na contorna urbana e baseado nun sistema de cogobernanza no que participen profesionais, persoas usuarias e as súas familias.

O proxecto pretende dar resposta a unha demanda histórica tanto de Rianxo como do conxunto da comarca do Barbanza, que leva anos reclamando unha maior oferta pública de atención residencial para as persoas maiores.

Desde o Concello destacan que a colaboración entre a administración local e a Deputación resulta clave para facer realidade esta infraestrutura. Ademais, sinalan que este investimento terá continuidade coa creación dun centro de día, previsto nas instalacións do Pazo de Rianxiño, outro dos proxectos sociosanitarios considerados estratéxicos para o municipio.

De confirmarse a aprobación do convenio este venres, a iniciativa continuará coa redacción do proxecto e os posteriores trámites administrativos antes do inicio das obras.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *