Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O portavoz socialista lanza unha mensaxe de continuidade nunha lexislatura marcada por cinco dimisións na corporación municipal e deixa entrever tensións internas ao afirmar que seguirá «por riba de quen intente apartar»
O portavoz do PSdeG-PSOE en Rianxo, Óscar Rial, aproveitou o tradicional acto do 25 de xullo celebrado na vila para dar un paso adiante de cara ao futuro político do partido. A través dunha publicación difundida nas redes sociais, o socialista expresou publicamente a súa intención de volver encabezar a candidatura do PSOE nas próximas eleccións municipais, aínda que a formación non confirmou oficialmente quen liderará a lista en 2027.
«Intentarei volver encabezar unha candidatura socialista», afirma Rial na súa mensaxe, na que tamén reivindica o traballo desenvolvido durante os últimos catro anos e asegura que seguirá comprometido con Rianxo «custe o que custe».
O texto, con numerosas referencias persoais e políticas, deixa entrever tamén a existencia de dificultades internas. Sen citar nomes nin situacións concretas, o portavoz asegura que continuará traballando «por riba de quen intente desacreditar, menosprezar, desanimar ou mesmo apartar», unhas palabras que alimentan a lectura de que existe un debate interno sobre o futuro liderado do socialismo rianxeiro, aínda que, polo momento, o partido non fixo pública ningunha decisión ao respecto.
A mensaxe chega nun momento especialmente significativo para o PSOE local, despois dunha lexislatura marcada por unha profunda renovación da corporación municipal.
Desde a constitución do Concello tras as eleccións de maio de 2023 producíronse cinco dimisións entre dous dos grupos da oposición. O PSOE foi o máis afectado, coa marcha de Elena Otero Otero, Rosa Ana García Figueira e, posteriormente, Miguel Ángel Iglesias Romero, número dous da candidatura socialista nas últimas eleccións municipais.
No momento da renuncia de Iglesias, o propio Rial explicou que se trataba dunha decisión motivada exclusivamente por razóns persoais e pola dificultade para compatibilizar a actividade política coa súa vida profesional.
O grupo municipal do BNG tamén experimentou importantes cambios durante este mandato. Primeiro deixou a súa acta Xusto Xosé Ordóñez Figueira e, máis recentemente, presentou a súa dimisión a portavoz nacionalista, Sarela Betanzos, anunciada no último pleno municipal.
En total, as cinco baixas obrigaron á incorporación progresiva de novos concelleiros e modificaron a composición do pleno saído das eleccións de 2023, nunha das lexislaturas con maior número de substitucións que se lembran no Concello de Rianxo.
Neste contexto, a publicación de Óscar Rial vai máis alá dunha felicitación institucional polo Día Nacional de Galicia. O portavoz non só expresa a súa vontade de continuar, senón que se postula explicitamente para repetir como cabeza de lista socialista e reivindica a súa continuidade nun momento no que o PSdeG aínda non aclarou se apostará pola súa reelección ou por un relevo á fronte da candidatura.
As súas palabras sitúano, de momento, como o primeiro dirixente socialista que manifesta publicamente a intención de liderar o proxecto cara ás municipais de 2027, ao tempo que evidencian que o debate sobre o futuro do partido en Rianxo segue aberto.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)