Diego Adrián Mallo presentou esta fin de semana oficialmente a súa candidatura á Alcaldía de Santiago de Compostela por UCIN Santiago de cara ás eleccións municipais de 2027 nun acto aberto á cidadanía no que deu a coñecer as primeiras propostas do seu proxecto para a cidade e asumiu publicamente un decálogo de compromisos coa veciñanza.
Durante a presentación, o candidato destacou a necesidade de construír unha alternativa municipal centrada nos barrios, no rural e nas necesidades reais dos composteláns e compostelás, baseada na proximidade, a transparencia e a participación cidadá.
Mallo afirmou que a súa candidatura nace coa intención de converter Santiago nun concello máis próximo, máis eficiente e máis orgulloso da súa identidade, apostando por políticas útiles e realizables que melloren a calidade de vida da veciñanza.
As 17 primeiras propostas de UCIN Santiago
Durante o acto tamén se fixo balance das primeiras medidas presentadas por UCIN Santiago nas últimas semanas, que formarán parte do programa electoral para 2027:
- Creación da figura do Axente Cívico Municipal para mellorar a convivencia cidadá e actuar como enlace entre veciñanza e Concello.
- Creación dunha Empresa Municipal de Vivenda para impulsar vivenda pública, social e accesible.
- Posta en marcha dunha Radio e Televisión Municipal de Santiago como ferramenta de información e participación cidadá.
- Plan integral de recuperación e apoio ao comercio local, favorecendo o consumo de proximidade.
- Programa de intercambios internacionais para a mocidade con Portugal, Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.
- Municipalización progresiva da Axuda no Fogar, reforzando a atención ás persoas dependentes.
- Municipalización dos Centros Socioculturais, mellorando a súa xestión e programación.
- Creación dunha Clínica Municipal de Saúde Mental para reforzar a atención psicolóxica e preventiva.
- Implantación da Tarxeta Picheleira, con descontos e vantaxes para a veciñanza no comercio local, actividades culturais e servizos municipais.
- Programa de dinamización dos parques urbanos, con actividades infantís, culturais, deportivas e alimentación saudable.
- Creación de novas celebracións e eventos como o Día das Bandas, Día das Peñas, Día da Xuventude, Feira Medieval e Encontro de Vehículos Clásicos.
- Instalación de casetas permanentes de artesanía e produto local na Alameda, favorecendo a promoción dos creadores locais.
- Reforzo da seguridade cidadá, incrementando efectivos, mellorando a iluminación e instalando sistemas de videovixilancia en puntos sensibles.
- Desenvolvemento dun Plan Integral para o Rural, garantindo igualdade de servizos e investimentos en todas as parroquias.
- Creación dunha rede estable de participación cidadá, con consultas e procesos participativos reais.
- Posta en marcha dun Plan Municipal de Accesibilidade Universal, eliminando barreiras e mellorando a inclusión.
- Recuperación do orgullo picheleiro e da identidade compostelá, promovendo iniciativas culturais, sociais e patrimoniais.
- Decálogo de Compromisos coa Veciñanza
Un dos momentos máis destacados do acto foi a lectura pública e a sinatura dun documento de compromisos que Diego Adrián Mallo asumiu diante da cidadanía e que permanecerá accesible publicamente durante todo o mandato.
Os compromisos asinados son os seguintes:
- Comprométome a non percibir unha retribución superior a 50.000 euros brutos anuais como alcalde de Santiago de Compostela.
- Comprométome a publicar anualmente a miña declaración de bens, ingresos e actividades, de acordo coa lexislación vixente.
- Comprométome a facer pública a miña axenda institucional e as reunións mantidas con entidades, asociacións, empresas e colectivos.
- Comprométome a impulsar auditorías externas e independentes das contas municipais para garantir a máxima transparencia na xestión dos recursos públicos.
- Comprométome a defender unha administración municipal máis eficiente, reducindo gastos superfluos e priorizando os investimentos que melloren a calidade de vida da veciñanza.
- Comprométome a non utilizar recursos, instalacións, vehículos ou medios públicos para fins partidistas ou persoais.
- Comprométome a promover procesos de participación cidadá para que a veciñanza poida contribuír ás decisións máis relevantes para a cidade.
- Comprométome a publicar periodicamente o grao de cumprimento do programa electoral e dos compromisos adquiridos coa cidadanía.
- Comprométome a non favorecer nin nomear familiares, amizades persoais ou persoas vinculadas por intereses particulares para cargos de confianza, garantindo procesos transparentes e baseados exclusivamente no mérito e na capacidade.
- Comprométome a celebrar, como mínimo, unha asemblea aberta cada tres meses en diferentes barrios e parroquias de Santiago de Compostela para escoitar á veciñanza, render contas da xestión realizada e responder de forma directa ás súas preguntas e propostas.
Así mesmo, Diego Adrián Mallo comprometeuse a explicar publicamente ante a cidadanía calquera circunstancia excepcional que poida impedir o cumprimento dalgún destes compromisos.
Durante a súa intervención final, o candidato sinalou que «a confianza non se pide, gánase» e destacou que a política municipal debe estar baseada na honestidade, na rendición de contas e no contacto permanente coa cidadanía.
“Hoxe non presentamos só unha candidatura. Hoxe presentamos un proxecto para Santiago e asinamos un compromiso coa súa veciñanza. Queremos que Santiago volva ser unha cidade orgullosa de si mesma, que escoite aos seus barrios e ao seu rural, e que poña ás persoas no centro das decisións municipais.”
Comentarios de las entradas (0)