Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 junio, 2026
A Estrada, 30 de xuño de 2026.- Co arranque do mes de xullo, o Concello da Estrada activará o Campamento de Verán e o Campus Deportivo de Verán, programas específicos para a tempada estival que se suman ao Espazo Concilia no intento de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos estradenses durante o período vacacional. Entre estas tres iniciativas a administración municipal atende un total de 939 solicitudes, ás que aínda haberá que engadir as correspondentes cos Campamentos no Mar, con outras 52 prazas para campistas de entre 8 e 16 anos.
O departamento de Servizos Sociais estrea mañá nos pavillóns deportivos dos colexios de Figueiroa, Oca, Vea, Codeseda e O Foxo o seu Campamento de Verán, no que foron atendidas 475 solicitudes. Delas, 149 vencéllanse a Figueiroa, que terá sesións xullo, agosto e ata o día 9 de setembro. Tamén O Foxo terá servizo en todas estas quendas, cun total de 89 solicitudes.
Nos demais puntos o funcionamento dos campamentos axustouse á matrícula. Deste xeito, Oca, que reúne 62 solicitudes, terá programa todo o mes de xullo e a primeira quincena de agosto. En Codeseda, con 94 peticións, haberá servizo en todas as quendas de xullo e agosto. En Vea, onde se totalizaron 81 solicitudes, o campamento funcionará no mes de xullo e na segunda quincena de agosto.
O Campamento de Verán funcionará de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas, se ben o intervalo podería axustarse no caso de que a asistencia obedeza a outro horario dentro desta mesma franxa temporal. Ademais, a alcaldesa accidental e concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, explicou que no caso de solicitantes en emprazamentos nos que non se reuniran campistas suficientes para algunha das quendas ofertadas existe a posibilidade de que acudan ao campamento en algún dos outros espazos previstos.
Por outra banda, o departamento de Deportes tamén arranca mañá mércores o seu Campus Deportivo de Verán, logo de atender un total de 418 solicitudes. Na primeira quenda de xullo serán 296 os asistentes, con 278 na segunda quenda. En agosto serán 169 campistas na primeira quincena e outros 144 na segunda.
Este programa está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos (nos dous casos cumpridos a 1 de xullo de 2026). Todas as actividades do Campus Deportivo están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas en base as idades e características individuais dos inscritos.
Deste xeito, o programa deportivo que fiará esta convocatoria está orientado a crear hábitos saudables e activos, priorizando as actividades ao aire libre. Os horarios e a programación de cada quenda faranse en función das idades. En xeral, a oferta do Campus inclúe fútbol, baloncesto, atletismo, bádminton, actividades acuáticas, tenis, atletismo e xogos predeportivos de iniciación para os máis pequenos. A maiores realizarase unha excursión en cada mes ao parque acuático de Cerceda, nunha data por determinar.
En canto aos servizos do Espazo Concilia, contará durante o verán cun novo horario, xa que pasará de funcionar pola tarde a facelo polas mañás. Amalia Goldar explicou que
ten reservadas xa 46 prazas e quedan nestes intres 6 libres.
Finalmente, a mediados de xullo o Concello da Estrada abrirá o prazo de inscrición do Campamento no Mar, que este ano se desenvolverá na Illa de Ons entre o 21 e 28 de agosto.
Este campamento contará con 60 prazas, se ben oito delas estarán reservadas ao equipo que acompañará aos menores: unha persoa como directora do campamento, seis de monitorado e outra de enfermería.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)