AD

Comarca

Xunta e Rianxo asinan un convenio para mellorar a contorna do Hórreo do Araño

today30 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo Abuín, asinaron hoxe un convenio de colaboración para acometer a mellora da contorna e dos accesos ao Hórreo do Araño, considerado un recurso turístico de gran valor etnográfico e patrimonial ao tratarse do máis longo e de maior capacidade de Galicia. O proxecto contará cun investimento estimado de 215.985 euros, dos que Turismo de Galicia achegará representa o 67% do orzamento total.

Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, “a actuación ten como obxectivo facilitar o acceso a este elemento patrimonial singular, mellorar a experiencia das persoas visitantes e contribuír á súa posta en valor, ao tempo que se reforza a conservación da contorna e a mobilidade sostible”. Ademais de mellorar a accesibilidade a este recurso turístico, tamén contribuirá a distribuír os fluxos turísticos de maneira máis equilibrada ao tempo que fomenta un turismo responsable e sostible, “outro dos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030”, sinalou Xosé Merelles.

Durante a sinatura, o director de Turismo de Galicia destacou que «este convenio reflicte o compromiso da Xunta coa posta en valor do patrimonio cultural como recurso turístico de calidade e coa creación de infraestruturas que permitan gozar del nas mellores condicións». Engadiu que «o Hórreo do Araño é un dos grandes símbolos do patrimonio etnográfico galego e esta actuación permitirá mellorar a súa accesibilidade, a súa interpretación e a experiencia das persoas que o visitan, sempre desde o respecto á súa contorna e aos seus valores patrimoniais».

O responsable de Turismo de Galicia subliñou tamén que «investir no rural é investir nun modelo turístico máis equilibrado e sostible. Queremos que os visitantes descubran novos destinos, contribuíndo a distribuír os fluxos turísticos polo territorio e xerando oportunidades de desenvolvemento económico para os concellos».

Mellora integral da contorna

As actuacións previstas permitirán resolver as actuais deficiencias da zona, especialmente os problemas derivados da drenaxe e do estado do firme, que dificultan o acceso e limitan o tránsito de vehículos de maior tamaño. Ademais, repararase e renovarase o firme do aparcamento e da vía pública, e crearase unha área de estacionamento adaptada ao movemento de vehículos, construiranse novos sendeiros e unha pasarela de madeira que funcionará como miradoiro sobre o val que une a parroquia do Araño coa ría de Arousa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *