AD

Destacado

Venezolanos en Santiago fan un chamamento para levar axuda humanitaria ao seu país

today1 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O proxecto solidario ‘Objetivo1Tonelada’ xa ten máis de 5 toneladas de material clasificadas e rexistradas en www.objetivo1tonelada.com; e busca facer o envío de material sanitario como prioridade 

Santiago de Compostela, 01.07.26_ O presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, xunto con dous dos creadores da iniciativa ‘Objetivo1Tonelada’Christian Daniel Lucas de Carvalho e José Manuel Magán Bastida, presentaron esta mañá no Hotel Araguaney os avances desta iniciativa solidaria, que xa reuniu máis de 5 toneladas de axuda humanitaria e máis que ven camiño; destinadas a Venezuela e inicia agora unha nova fase centrada en facer posible o seu envío. 

Durante a rolda, os responsables do proxecto fixeron un chamamento a institucións, empresas e particulares para colaborar na loxística e no transporte da axuda, especialmente da medicación e doutro material sanitario prioritario, co obxectivo de garantir a chegada dos envíos e dar continuidade á iniciativa. 

“Non queremos quedarnos nun único envío, gustaríanos explorar vías que nos permitan establecer un mecanismo de axuda constante e segura” – afirmou Christian Daniel Lucas de Carvalho 

Ademais, explicaron que o proxecto xa conta con capacidade para trasladar o material dentro de España ata os puntos loxísticos necesarios, facilitando así o seu transporte cara ao destino final. 

A Fundación Araguaney súmase ao proxecto como respaldo institucional en Galicia e colaborará na coordinación da iniciativa e na habilitación dunha conta bancaria común para canalizar as doazóns que tamén, chegado o caso, serán destinadas aos custos de envío. 

«O noso compromiso con Venezuela comeza polo noso propio nome. Araguaney é a árbore nacional venezolana e representa os vínculos que, desde hai décadas, queremos fortalecer entre Galicia e Venezuela a través da cooperación e a solidariedade», sinalou Ghaleb Jaber Martínez. 

En Venezuela, a Hermandad Gallega de Venezuela será a encargada de recibir e distribuír a axuda segundo as necesidades trasladadas polos centros sanitarios, coa coordinación do Doutor Cristian Canelón Quintero en Venezuela. 

Os envíos destinaranse ao Hospital Clínico Universitario de Caracas, ao Hospital Infantil J. M. de los Ríos, aos hospitais Domingo Luciani e Vargas, así como aos centros de acopio da Universidade Central de Venezuela (UCV) e da Universidade Católica Andrés Bello (UCAB). 

Actualmente, as 5,38 toneladas de material permanecen almacenadas e clasificadas nunha nave, en Teo, concretamente no Plató 1.100 da Produtora Audiovisual CTV, lugar onde levan traballando voluntarios todos estes días (Rúa Tras Da Estivada 9-11, 15894, Teo, Galicia).  

Como podemos axudar? 

O proxecto precisa voluntariado para apoiar as tarefas de clasificación e selección do material no Plató 1.100 de CTV durante esta semana, en horario de 17:00 a 22:30 horas, así como durante a fin de semana.  

As persoas interesadas poden contactar a través das redes sociais de Christian Daniel Lucas de Carvalho (@elvengalle), que está a realizar un labor de información constante sobre a iniciativa.  

Así mesmo, habilitouse unha conta bancaria para canalizar as doazóns:
IBAN: ES16 2080 5803 9030 4000 9106 

Con estas vías búscase facilitar a participación da cidadanía e abrir a oportunidade de que máis persoas se sumen á iniciativa. 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *