Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Concello licitou entre agosto de 2025 e agosto de 2026 quince actuacións, boa parte delas destinadas á mellora da rede viaria, do saneamento e do abastecemento nas zonas rurais
O alcalde, Anxo Arca, destaca que este volume de investimento “evidencia o interese deste Goberno municipal polas aldeas e por seguir mellorando as infraestruturas e os servizos en todo o municipio”
O Concello de Padrón mobilizou no último ano arredor de 1,8 millóns de euros en obras, a través de quince actuacións licitadas entre agosto de 2025 e agosto de 2026 destinadas á mellora das infraestruturas municipais e dos servizos públicos.
Unha parte moi significativa deste investimento concéntrase nas zonas rurais, con actuacións de mellora en 14 estradas, ás que se suman diferentes intervencións nas redes de saneamento e abastecemento das aldeas. O Concello reforza deste xeito a súa aposta por atender as necesidades da veciñanza e mellorar os servizos e as comunicacións en todo o territorio municipal, tamén fóra do núcleo urbano.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destaca que este volume de investimento “evidencia o interese deste Goberno municipal polas aldeas e por seguir mellorando as infraestruturas e os servizos en todo o municipio, dando resposta a necesidades que, en moitos casos, levaban anos pendentes”.
Máis de 500.000 euros en actuacións durante os últimos meses de 2025
Entre agosto e decembro de 2025, o Concello licitou actuacións por un importe total de 512.624 euros. Entre elas atópanse a reposición da tubaxe de abastecemento en Arretén; a reurbanización exterior da parcela da Azucreira para crear un novo espazo dedicado á Memoria Democrática; e a rehabilitación do firme entre a igrexa de Carcacía e Rial.
A este primeiro bloque súmanse as actuacións nos camiños de Sinde e Pedroso; a creación do parque infantil de Estramundi; a adquisición dun camión eléctrico para a recollida de biorresiduos; e a mellora do pavimento en diferentes estradas de Carcacía.
1,3 millóns de euros licitados entre xaneiro e agosto de 2026
Entre xaneiro e agosto deste ano, o investimento licitado polo Concello ascende a 1,3 millóns de euros, distribuídos en oito novos proxectos.
Entre as actuacións máis destacadas figura a rehabilitación da Escola Infantil Municipal, unha intervención que permitirá modernizar as instalacións e dotar o centro de novos e mellores servizos.
Neste período tamén se inclúen as obras de pavimentación do acceso ao IES Macías o Namorado; a mellora do viario en Herbón; e a pavimentación de varias vías en Estramundi.
A relación de actuacións complétase coa mellora da estrada de Cambelas a Romarís e coas intervencións nos viarios da Ponte, da Rocha e do Pombal de Abaixo.
En conxunto, o Concello licitou quince actuacións no último ano, algunhas delas xa executadas e outras que se materializarán nos próximos meses, cun investimento global próximo aos dous millóns de euros.
Para Anxo Arca, estes datos reflicten o ritmo de traballo do Executivo local. “Nunca en Padrón se licitaron e executaron tantas obras nun período tan curto de tempo. É unha evidencia de que este Goberno traballa a pleno rendemento para facer de Padrón un lugar máis habitable e con mellores servizos para a veciñanza”, afirma o alcalde.
Actuacións que van máis alá das licitacións
A este investimento hai que engadir outras obras de menor contía executadas directamente polo Concello ou en colaboración coa empresa concesionaria Espina e Delfín, co obxectivo de mellorar os servizos municipais e dar solución a problemas históricos en distintos puntos do municipio.
Entre estas actuacións figuran a creación dun xardín urbano na praza de Ramón Tojo e a posta en funcionamento da estación de bombeo de Tarrío, unha infraestrutura que permitiu solucionar os problemas históricos de abastecemento que afectaban a Prada, A Picaraña e Areal.
Tamén se realizaron traballos na rúa Real, coa substitución das canalizacións de saneamento e abastecemento, e na rúa Pérsico, onde se renovaron igualmente estas redes e se executou a pavimentación en pedra.
O balance do último ano complétase con outras actuacións de mantemento e mellora, como a campaña especial de limpeza e desinfección en profundidade desenvolvida recentemente nas rúas do casco histórico, as campañas de roza e diferentes intervencións tanto na N-550 como en estradas de titularidade da Deputación.
O Goberno local subliña que este esforzo investidor se desenvolveu, ademais, nun ano marcado por unha intensa actividade cultural e festiva, pola celebración de eventos deportivos de primeiro nivel e polo incremento do número de visitantes. Un conxunto de iniciativas que, unido á mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, contribúe a avanzar cara a un Padrón máis dinámico, atractivo, habitable e con mellores servizos para toda a veciñanza.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)