Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 julio, 2026
A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Rianxo vén de aprobar por unanimidade a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento organizativo que o goberno local define como “histórico” dado que nunca antes se chegou a aprobar.
A proposta chega despois dun proceso de negociación coa representación sindical e inclúe un expediente completo composto polo organigrama administrativo, as fichas descritivas dos postos, a valoración técnica de cada un deles, o cadro resultante da RPT eo manual de valoración.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, destaca que “non estamos ante un documento calquera, senón ante unha ferramenta clave para ordenar o Concello, definir postos, funcións, responsabilidades e adaptar a organización municipal á realidade actual”.
Segundo explica o rexedor, nos últimos anos producíronse diferentes procesos de negociación que non chegaron a culminar. A previsión é que no vindeira Sesión Ordinaria da Corporación Municipal se debata a aprobación inicial do documento logo de ser ratificado pola Mesa Xeral de Negociación.
“Damos un paso adiante fundamental. Esta proposta chega ao pleno porque houbo vontade política para desbloquear o proceso, predisposición ao diálogo por parte do goberno local e unha participación construtiva da representación sindical.
Cando hai vontade, traballo e acordo, os asuntos que levan anos pendentes poden avanzar”, afirma Bustelo. Previamente á que o documento fora abordado na Mesa Xeral de Negociación someteuse á consideración do conxunto dos traballadores e das traballadoras, que apoiaron de maneira maioritaria a proposta formulada.
“Este documento chega ao pleno negociado, traballado e avalado pola representación do persoal. Iso é moi importante, porque demostra que houbo diálogo real e vontade de acordo”, sinala o alcalde. E engade, “porén, non estamos ante o final de nada senón que con este paso histórico que damos iniciamos un camiño de renovación da nosa administración que continuará nos vindeiros anos”.
Para o goberno local, a aprobación inicial da RPT supón un paso importante para mellorar a organización interna do Concello, avanzar nunha administración máis clara e eficaz e recoñecer de maneira máis adecuada o traballo que desenvolve o persoal municipal.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)