Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 julio, 2026
Axentes ambientais da Unidade de investigación de conservación da natureza (UICON), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, localizaron a semana pasada unha partida de 11 quilogramos de troitas no marco do programa de detección de comercio ilegal de exemplares procedentes da pesca recreativa.
A intervención realizouse durante unha inspección a un restaurante de Silleda, que ofrecía as troitas para consumo dos seus clientes, a pesar de que a comercialización deste peixe está terminantemente prohibida. Os axentes decomisaron todos os exemplares, que posteriormente foron entregados a un centro benéfico.
A actuación enmárcase no plan operativo anual da UICON, unha nova brigada móbil integrada por oito axentes cunha alta capacitación técnica que puxo en marcha a Xunta este ano para abordar materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren de especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares, así como dunha coordinación e estratexia única en todo o territorio galego.
A lei 2/2021 de pesca continental de Galicia prohibe o comercio de calquera peixe procedente de pesca recreativa ou deportiva, ademais de cualificar esta infracción como moi grave, establecendo sancións con contías que oscilan dos 25.001 aos 150.000 euros.
Cómpre subliñar, ademais, que este tipo de actividades ilícitas producen unha grande afección sobre as poboacións de troita común presentes nos ríos galegos, xa que se trata dunha especie que forma parte do patrimonio natural da Comunidade.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)