AD

Comarca

O espectáculo Quimera sorprende ao público durante a Feira Medieval de Padrón

today5 julio, 2026

Fondo
share close
AD

• Centos de persoas asistiron ao estreo do espectáculo de malabares, acrobacias aéreas e maxia, unha proposta que reivindica a protección dos bosques e das fragas
• Persoas de todas as idades gozan coas múltiples actividades de rúa que se celebran toda a fin de semana
• A delegación de Arjonilla, acompañada polo alcalde Anxo Arca, completou esta mañá o Camiño de Santiago coa chegada á Catedral

Padrón. 5-7-2026.- A XIX Feira Medieval de Padrón viviu esta fin de semana unha intensa programación cultural e festiva que volveu atraer a milleiros de persoas ás rúas da vila. Un dos momentos máis destacados chegou na noite do sábado coa estrea de Quimera, un espectáculo da compañía Pablo Méndez Performance que sorprendeu ao público cunha combinación de malabares, acrobacias aéreas e maxia.

Centos de persoas achegáronse á praza de Macías para asistir a esta proposta, que foi recibida con numerosos aplausos e que, ademais do seu impacto visual, lanzou unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de coidar e preservar os bosques e as fragas.

A programación continuou este domingo co ambiente característico da Feira Medieval, que encheu de música, teatro, animación e espectáculos itinerantes as rúas do casco histórico, onde permaneceron instalados os preto de 90 postos do mercado medieval. Veciñanza e visitantes de todas as idades participaron nas numerosas actividades previstas ao longo da xornada.

O broche final da feira chegou coa exhibición Fire Dragons, protagonizada por Rita de Miguel, un espectáculo de lume de gran impacto visual. A artista ostenta un dos récords Guinness pola lamarada de lume pola boca máis longa do mundo.

Irmandamento con Arjonilla

A xornada deste domingo estivo marcada tamén pola chegada da delegación do Concello de Arjonilla á praza do Obradoiro, onde completou o Camiño de Santiago iniciado en Tui. A comitiva partiu ás seis da mañá da igrexa de Santiago de Padrón acompañada polos alcaldes de Padrón e Arjonilla, Anxo Arca e Luis Miguel Carmona, polo técnico de Turismo de Padrón e por veciñanza da capital do Sar.

Esta peregrinación puxo o broche final ao programa de actividades organizado por ambos os dous concellos para reforzar o protocolo de irmandamento asinado o pasado ano. A colaboración terá continuidade o vindeiro mes de setembro, cando unha delegación padronesa visitará Arjonilla para seguir estreitando os vínculos de amizade e cooperación entre ambos os municipios.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *