AD

Comarca

A Comisión de Festas de San Xoán de Calo pecha tres anos á fronte da organización

today7 julio, 2026

Fondo
share close
AD

A Comisión de Festas de San Xoán de Calo, no concello de Teo, anunciou o peche da súa etapa á fronte da organización das festas patronais despois de tres anos de traballo. Un período marcado, segundo destacan os seus integrantes, pola ilusión, o compromiso e a implicación dun grupo de amigos que decidiu asumir a responsabilidade de garantir a continuidade e impulsar o crecemento das celebracións.

O anuncio produciuse desde o palco durante o peche das festas deste ano e converteuse nun dos momentos máis emotivos das últimas edicións. Ao comunicar que esta sería a última festa organizada pola actual Comisión, o público respondeu cun espontáneo “¡Noooon!”, seguido dunha longa ovación que emocionou tanto aos asistentes como aos propios membros da organización.

Ao longo destes tres anos, a Comisión apostou por facer medrar as festas de San Xoán de Calo sen perder a súa esencia. O traballo desenvolvido e o respaldo dos veciños permitiron consolidar a celebración e reforzar a súa presenza no calendario festivo da comarca.

Na súa despedida, os integrantes da Comisión trasladaron o seu agradecemento aos compañeiros, colaboradores, veciños e familias que participaron de maneira desinteresada no proxecto. Tamén recoñeceron o respaldo das numerosas empresas que colaboraron cada ano a través do libro de publicidade, contribuíndo economicamente á organización das festas.

Entre os apoios recibidos, a Comisión destacou especialmente a implicación de Vayper Automoción pola súa colaboración constante e pola confianza depositada nas diferentes iniciativas impulsadas durante estes tres anos.

O agradecemento estendeuse igualmente ás orquestras, grupos, dúos, discomóbiles e profesionais que participaron nas distintas edicións. A Comisión realizou unha mención especial á Orquestra Olympus, a Zeus e a Pepe polo seu apoio nos momentos máis importantes desta etapa.

Tamén quixeron recoñecer publicamente a implicación de Javier Torres, representante na zona de Gaias Eventos, destacando a súa constante disposición para colaborar e prestar axuda máis alá das súas obrigas profesionais.

A actual Comisión despídese orgullosa do camiño percorrido e convencida de que o éxito destes tres anos non se mide unicamente polo número de asistentes ou pola dimensión dos espectáculos, senón polas persoas que contribuíron a que as festas continuasen medrando.

“Marchamos coa tranquilidade de saber que o demos absolutamente todo por Calo. O tempo borrará os carteis e apagará os escenarios, pero nunca esqueceremos ás persoas que camiñaron ao noso lado. Grazas por permitirnos vivir a honra de servir ao noso pobo”, sinala a Comisión na súa mensaxe de despedida.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *