Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 julio, 2026
A expedición celebrarase do 23 ao 28 de setembro e coincidirá coas xornadas medievais da localidade xienense. As inscricións permanecerán abertas ata o 15 de xullo.
O Concello de Padrón organiza do 23 ao 28 de setembro unha viaxe a Arjonilla coa que a veciñanza padronesa poderá devolver a recente visita realizada pola delegación xienense con motivo da XIX Feira Medieval. A iniciativa busca seguir fortalecendo o irmandamento entre os dous municipios e favorecer o intercambio cultural e humano entre as súas veciñanzas.
A expedición coincidirá coa celebración das xornadas medievais de Arjonilla e chega apenas uns días despois da presenza dunha ampla representación do municipio xienense en Padrón. Durante a Feira Medieval, ambas as localidades volveron poñer de manifesto a solidez dos vínculos que manteñen desde a formalización, hai un ano, do protocolo de irmandamento arredor da figura do trobador Macías O Namorado.
A viaxe combinará o reencontro coa veciñanza de Arjonilla cun percorrido cultural por diferentes cidades e localidades do interior peninsular. Ao longo dos seis días, as persoas participantes visitarán Ávila, Aranjuez, Consuegra, Puerto Lápice, Xaén, Arjonilla, Úbeda, Toledo, Talavera de la Reina e Plasencia.
O itinerario permitirá coñecer destacados conxuntos monumentais, espazos declarados Patrimonio da Humanidade e lugares representativos da historia e da cultura española. O programa reserva ademais dúas tardes libres en Arjonilla para facilitar a convivencia coa poboación local e a participación nas súas xornadas medievais.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou recentemente que o irmandamento entre os dous municipios «é un exemplo de entendemento, de cooperación e de amizade entre pobos irmáns».

A expedición partirá en autobús desde Padrón o 23 de setembro ás 8.00 horas e regresará o día 28. O programa inclúe aloxamento en hoteis de tres e catro estrelas, pensión completa, guía acompañante durante todo o percorrido e seguro de asistencia en viaxe.
O prezo é de 715 euros por persoa para un grupo de entre 45 e 55 participantes. As persoas que desexen habitación individual deberán aboar un suplemento de 175 euros.
As inscricións poden formalizarse ata o próximo 15 de xullo a través da web de Padrón Turismo. As persoas interesadas tamén poden solicitar máis información e consultar o programa completo da viaxe na Oficina de Turismo de Padrón.
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón pretende continuar reforzando os lazos con Arjonilla e fomentar o coñecemento mutuo, o intercambio cultural e a participación da veciñanza nun irmandamento que transcende as relacións institucionais.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)