AD

Deportes

O Rallyshow Deputación da Coruña contará coa participación de catro campións do mundo de rallyes

today8 julio, 2026

Fondo
share close
AD

Stig Blomqvist, Miki Biasion, Petter Solberg e Luis Moya participarán o domingo 16 de agosto na segunda edición dunha cita que reunirá ás grandes lendas do motor no circuíto das Pontes

A Festa do Motor incluirá tamén exhibicións de drift e carcross, simuladores, zona infantil, foodtrucks, gradas e pantallas xigantes para seguir o espectáculo

Valentín González Formoso destaca que “As Pontes volverá converterse no epicentro do motor galego cun espectáculo único para os afeccionados e para toda a familia”

O Rallyshow Deputación da Coruña volve con máis forza ás Pontes. O circuíto pontés acollerá o domingo 16 de agosto a segunda edición dunha cita que reunirá a catro campións do mundo de rallyes: os pilotos Stig Blomqvist, Miki Biasion e Petter Solberg, e o copiloto coruñés Luis Moya.

A proba celebrarase no marco da Festa do Motor, unha xornada pensada para gozar durante todo o día e para todos os públicos, con competición, espectáculo, exhibicións, actividades familiares, simuladores, zona infantil, circuíto para os máis pequenos e espazos de comida e bebida con foodtrucks.

O evento regresa ás Pontes tras o gran éxito da primeira edición, que o ano pasado congregou a máis de 4.000 afeccionados chegados de toda Galicia e que tivo como gañador a Víctor Senra aos mandos do seu Hyundai i20 Coupé WRC.

Este ano, o Rallyshow Deputación da Coruña dará un salto de nivel cun cartel internacional de auténtico luxo, que inclúe a lendas do motor como Stig Blomqvist, campión do mundo en 1984 co mítico Audi Quattro e unha das grandes lendas da época dourada dos rallyes cando a tracción total cambiou para sempre a historia deste deporte.

Tamén estará nas Pontes Massimo “Miki” Biasion, bicampión do mundo en 1988 e 1989. O piloto italiano foi unha das grandes figuras do dominio de Lancia no Mundial e está ligado para sempre ao lendario Delta Integrale, un dos coches máis icónicos da historia dos rallyes.

O noruegués Petter Solberg, campión do mundo en 2003 con Subaru, achegará ao Rallyshow o seu estilo espectacular e o seu carisma, que o converteron nun dos pilotos máis queridos polos afeccionados. Coñecido internacionalmente como “Mr. Hollywood”, tamén foi campión do mundo de rallycross, o que reforza a súa dimensión como piloto total.

Xunto a eles estará Luis Moya, unha das grandes figuras galegas e españolas da historia do automobilismo. O coruñés foi bicampión do mundo como copiloto de Carlos Sainz nos títulos de 1990 e 1992 e volverá exercer como padriño dunha cita chamada a converter As Pontes no gran punto de encontro dos afeccionados ao motor este verán.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que “é un orgullo que As Pontes acolla unha cita deste nivel, capaz de reunir nun mesmo circuíto a catro campións do mundo e coa que esperamos que gocen miles de afeccionados de toda Galicia”.

Formoso subliñou que “A Festa do Motor e o Rallyshow son unha oportunidade para gozar en familia cun evento deportivo que queremos converter nunha referencia no seu ámbito. A primeira edición foi un éxito rotundo e este ano queremos dar un paso máis cun cartel histórico, con lendas internacionais dos rallyes e cun programa de actividades pensado para que ninguén quede fóra”, afirmou.

Na parte competitiva, xa están confirmados pilotos como Alberto Meira, Jorge Pérez, Antón Pérez ou Daniel Berdomás, que loitarán pola vitoria nunha proba que combinará emoción, velocidade e espectáculo sobre o circuíto das Pontes.

Ademais do Rallyshow, a Festa do Motor incluirá exhibicións de drift e carcross en pista, exposición de vehículos, simuladores, zona infantil e un circuíto para que os máis pequenos tamén poidan vivir de preto a paixón polo automobilismo.

A organización habilitará gradas e pantallas xigantes para seguir o espectáculo en directo con toda comodidade.

Coa celebración desta segunda edición, As Pontes converterase o 16 de agosto no epicentro do motor galego cun evento para todos os públicos e unha programación pensada para vivir unha xornada completa arredor do automobilismo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *