AD

Actualidad

Minguante presenta novo libro-disco ‘Pequenos incendios’: «Cantamos no idioma no que soñamos»

today9 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Miguel Alonso e Óscar Martínez presentan ‘Pequenos incendios’, un segundo disco máis íntimo e potente con estilos dende o pop, autor e o indie, co que reivindican a naturalidade de crear en galego e celebran o momento de «efervescencia» da música do país

O que comezou como unha reunión de amigos, dúas guitarras e unhas cantas cancións acabou converténdose nun proxecto musical con preto de 200 actuacións ás súas costas. Minguante, a formación integrada por Miguel Alonso e Óscar Martínez, pasou por Radio Líder Santiago para presentar ‘Pequenos incendios’, o seu segundo traballo discográfico, e reflexionar sobre o momento que vive a música en galego.

Minguante naceu en 2018 como «unha especie de proxecto paralelo». «Tiñamos moita amizade, xuntabámonos coas guitarras e dixemos: imos minguar e ir con dúas guitarras polos bares», lembraron Miguel Alonso e Óscar Martínez. A intención inicial era ofrecer apenas unhas poucas actuacións, pero o escenario acabou cambiando os seus plans: «Cando levabamos 150 concertos e pensabamos facer dous, dixemos: igual isto xa empeza a ser algo máis que un proxecto paralelo».

A experiencia musical de ambos deu forma a unha sonoridade que definen como «pop de autor». Alonso chega dunha traxectoria máis vinculada á canción de autor e á música de raíz americana, mentres Martínez achega unha maior influencia indie. «Xuntando todo iso acabamos mesturando e saíu isto», explicaron sobre unha combinación que evolucionou de maneira natural.

Os pequenos incendios da vida cotiá

O novo disco toma o seu nome dun verso dunha das cancións e representa esas situacións aparentemente pequenas que acaban marcando a vida. «Os pequenos incendios son esas pequenas cousas que nos pasan todos os días, ás que non lles damos demasiada importancia, pero que logo son superimportantes na nosa vida», explicaron.

‘Pequenos incendios’ está formado por sete cancións seleccionadas entre preto dunha vintena de composicións. «Tematicamente encaixaban mellor e eran as que máis nos gustaban nese momento», sinalaron Miguel Alonso e Óscar Martínez. O resultado é un traballo máis intimista que o anterior, pero tamén «máis rítmico, máis potente e con máis forza».

Minguante apostou ademais polo formato libro-disco para incorporar unha dimensión visual a cada canción, cun traballo de ilustración realizado por Daniel Barbazán. A autoprodución continúa sendo outra das características do proxecto. «Todos os instrumentos que escoitas nos discos de Minguante están tocados por nós», destacaron. O álbum conta tamén coas colaboracións de Juan Silva e Caxade, este último participando coa voz e o acordeón no tema ‘Rapaz’.

«Nós falamos en galego. É lóxico cantar en galego»

O galego forma parte da identidade natural de Minguante. Para Miguel Alonso e Óscar Martínez, cantar nesta lingua non responde a unha estratexia, senón á súa propia forma de comunicarse e crear. «Nós falamos en galego. É lóxico cantar en galego», afirmaron durante a entrevista.

Os músicos lembraron unha reflexión sobre cantar «no idioma no que soñamos» para explicar a súa relación coa lingua. Unha naturalidade que coincide, ao seu xuízo, cun momento especialmente importante para a creación cultural galega.

«É unha marabilla porque ves que está medrando un pouquiño a industria musical galega usando como vía o galego», sinalaron. Minguante considera que Galicia vive unha etapa de especial «efervescencia» musical que debe ser coidada. «Igual non somos conscientes de que estamos nun momento que temos que coidar e non deixar perder a nivel cultural».

«Hai canteira» na música galega

Miguel Alonso e Óscar Martínez destacaron tamén a aparición de novas xeracións de músicos que utilizan o galego con total naturalidade. Durante a entrevista puxeron como exemplo a Tentáculo Rock, unha banda formada por rapaces de Ames de arredor de once e doce anos.

«Hai canteira», celebraron os integrantes de Minguante, que consideran fundamental a existencia de referentes musicais próximos para os máis novos. «É moi importante ter referentes para saber por onde podes ir».

Tentáculo Rock: “Queremos seguir os pasos das bandas galegas actuais”

Os dous artistas participan ademais en Música Miúda, un proxecto de música infantil en galego dirixido por Irene Quinteiro e no que colaboran como coautores e músicos. Unha proposta que combina música, contacontos e contidos didácticos, con especial atención a valores como a igualdade.

Tras a publicación física de ‘Pequenos incendios’, Minguante prepara a chegada do disco ás plataformas dixitais e unha presentación oficial nos próximos meses. Mentres, Miguel Alonso e Óscar Martínez continuarán levando as novas cancións aos escenarios durante o verán, cunha decena de actuacións previstas.

Oito anos despois daquel encontro entre dúas guitarras, Minguante continúa medrando. Un proxecto que naceu pensando en ofrecer apenas dous concertos e que hoxe suma preto de 200 actuacións, dous discos e unha forma moi clara de entender a música: crear con naturalidade e «no idioma no que soñamos».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *