Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 julio, 2026
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denuncia o absoluto abandono que continúa sufrindo a Cruxeira e acusa ao goberno de Goretti Sanmartín de incumprir os acordos aprobados polo Pleno municipal. Seis meses despois de que saíra adiante unha moción presentada polos populares para reclamar actuacións urxentes nesta zona do rural compostelán, o balance é, segundo o concelleiro José Ramón de la Fuente, «demoledor»: practicamente non se executou ningunha das medidas aprobadas e algunhas das escasas actuacións realizadas mesmo agravaron os problemas existentes.
A iniciativa impulsada polo Partido Popular respondía ás reivindicacións históricas da veciñanza, que leva anos reclamando a mellora dos viarios, o desbroce e limpeza da maleza, actuacións en materia de saneamento e outras intervencións necesarias para poñer fin ao abandono que sofre esta zona do rural compostelán.
Un dos exemplos máis evidentes desta situación é o estado do Camiño da Aldea, que comunica peonilmente as vivendas da zona e que, na actualidade, resulta intransitable pola maleza que invade completamente o percorrido.
«O que fixo o Goberno municipal durante estes seis meses é absolutamente insuficiente. Non só ignorou as demandas da veciñanza e o mandato do Pleno, senón que algunhas das actuacións que levou a cabo serviron para empeorar a situación», denuncia José Ramón de la Fuente.
O edil popular pon como exemplo o estado das pistas da zona. O Concello optou por estender gravilla nalgúns tramos, unha actuación que cualifica de improvisada e que, lonxe de resolver o problema, incrementou o risco para as persoas que transitan diariamente por elas, especialmente na Costa da Fonte.
«Conseguiron converter unhas pistas que xa estaban deterioradas nunhas pistas aínda máis perigosas. É o exemplo perfecto dunha forma de gobernar baseada nos parches e non nas solucións», critica.
De la Fuente denuncia tamén que os traballos de desbroce se realizaron de maneira claramente insuficiente, deixando numerosos tramos sen limpar e sen resolver un problema que afecta tanto á seguridade viaria como á propia imaxe da contorna.
A esta situación súmase, ademais, o importante incremento do tráfico de camións pesados nas últimas semanas. A pesar da existencia de sinais que prohiben o seu paso por esta zona, o tránsito destes vehículos é continuo como consecuencia da tala de árbores e dos movementos de terras que se están levando a cabo. Segundo explica o concelleiro popular, esta circunstancia está a provocar constantes molestias á veciñanza, incrementando o ruído, o po e o deterioro duns camiños que xa presentaban importantes deficiencias.
Para o Partido Popular, a Cruxeira converteuse nun novo exemplo do abandono que sofre o rural compostelán. «A realidade demostra que o rural segue sendo o gran esquecido. Hai veciños e veciñas que pagan os mesmos impostos ca calquera compostelán e, con todo, reciben uns servizos claramente inferiores», afirma José Ramón de la Fuente.
Os populares lembran que non se trata dunha reivindicación nova, senón de problemas que levan anos acumulándose e que volveron ser trasladados ao Pleno o pasado mes de febreiro co obxectivo de que o Goberno municipal actuase de inmediato. Seis meses despois, aseguran, «a única resposta foi a inacción».
«Esta forma de gobernar evidencia unha preocupante falta de respecto cara á veciñanza da Cruxeira», engade o concelleiro popular.
Por todo iso, o Partido Popular esixe ao Goberno municipal que abandone a política dos anuncios e execute de maneira inmediata as actuacións comprometidas: reparar correctamente os viarios, completar os desbroces, solucionar o resto das deficiencias denunciadas e adoptar medidas para minimizar o impacto que o intenso tráfico de camións está a provocar sobre a calidade de vida da veciñanza.
«Os veciños xa non queren máis promesas nin máis escusas. Queren feitos. Tres anos de goberno do BNG demostraron que non existe un proxecto para o rural e que a Cruxeira continúa sendo unha das grandes esquecidas de Santiago», conclúe José Ramón de la Fuente.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)