Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 9 de xullo de 2026.- A Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, chega a súa vixésima edición. Este ano a festa celebrarase o domingo 12 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. O xantar estará amenizado pola música da banda de gaitas e de baile rexional Os Castros e pola tarde contarase coa actuación do dúo Charada. Ademais, realizarase o XIX campionato de chave por parellas. A xornada rematará coa actuación, ás 20.00 horas, de Xurxo Fernandes. Esta actuación está xestionada polo Concello de Ames e subvencionada polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia.
Arredor de 1.000 racións de chourizo e 700 de orella de porco cocida serán servidas na XX edición da Festa do chourizo ao viño, que se celebrará o domingo 12 de xullo, no campo da festa de Ortoño. Os tíckets para participar na festa, un dos eventos gastronómicos de maior tradición no concello, venderanse no propio campo da festa, onde se realizará o evento. Ademais do xantar, a festa inclúe unha tarde chea de música e de opcións para que os máis cativos e cativas tamén poidan gozar.
Este ano cúmprense 20 anos deste tradicional evento gastronómico amesán. A festa comezou a organizarse en 2005, polo que hai 21 anos, pero no ano 2020 non se puido celebrar pola pandemia da Covid.
Degustación de chourizo e orella
A xornada dará comezo ás 12:00 horas coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, realizarase o pregón a cargo do actor e músico galego, Josito Porto, veciño da parroquia de Ortoño.
De seguido, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño acompañados de cachelos e da orella de porco cocida, para o que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.
As racións venderanse a prezos populares, manténdose os prezos da pasada edición. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella cocida, o pan e o viño custará 7 euros.
Actuacións musicais e concurso de chave por parellas
Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros. De seguido, pola tarde, haberá más música coa actuación do dúo Charada. Ademais, a partir das 16.00 horas realizarase o XIX campionato de chave por parellas. As inscricións das parellas poderase facer ata as 15.30 horas e contarase con trofeos doados polos Concello de Ames e outras sorpresas. Tamén haberá carpa e inchables gratuítos para os nenos e nenas por cortesía de Tikolandia.
A xornada rematará coa gran actuación, ás 20.00 horas, de Xurxo Fernandez. Esta actuación está xestionada polo Concello de Ames e subvencionada polo programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. Xurxo Fernandes formouse desde moi novo en baile e canto tradicional comezando en 1994 un traballo de campo por aldeas de Galicia. Isto mesturouno achegándose ás sonoridades propias das comunidades sefardís, polo que percorreu parte do mundo con proxectos como Jako el Muzikante.
Como músico e intérprete creou Radio Cos, un proxecto musical co que publicou dous discos e no 2016 representou a España no prestixioso festival de músicas de raíz WOMEX. Nesta última década dirixiu outro proxecto musical colectivo, Pandeireteiras sen Fronteiras e lanzou un EP nomeado Altaplana, acompañado por Pedro Lamas.
En Levaino! achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, na que os sons máis arcaicos dunha Galicia primitiva, acompañados de pandeireta, mestúranse co exotismo do Mediterráneo Oriental, acompañados duns arranxos singulares e instrumentación moderna.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)