Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 julio, 2026
Ames, 19 de xullo de 2026.- A Ponte Maceira volveu converterse este sábado nun escenario único coa celebración dunha nova edición das Noites en Vela, unha cita que reuniu máis de 2.000 persoas para vivir unha velada na que a música e o patrimonio foron os grandes protagonistas. A ponte e a súa contorna permaneceron iluminadas unicamente pola luz das candeas, creando unha atmosfera especial que atraeu a centos de visitantes.
O evento regresou á súa localización habitual despois de que a edición do pasado ano tivese que trasladarse ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns debido ás condicións meteorolóxicas. Nesta ocasión, a iluminación pública apagouse para poñer en valor a beleza deste enclave histórico nun ambiente íntimo e singular.
As Noites en Vela, organizadas conxuntamente polos departamentos de Cultura dos concellos de Ames e Negreira, teñen como finalidade destacar a riqueza patrimonial e paisaxística da Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2022 e integrada na listaxe dos Pobos Máis Bonitos de España.
A programación musical estivo protagonizada polo cuarteto Balteira e polo grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A actuación de Balteira contou co apoio do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, mentres que a agrupación amesá ofreceu unha escolma de pezas da música tradicional galega. A celebración concluíu cun espectáculo pirotécnico que puxo o broche final á noite.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou o valor da colaboración institucional para facer posible este tipo de iniciativas: «Entre Ames e Negreira existe unha boa relación que facilita que poidamos entendernos para sacar adiante con éxito este tipo de eventos».
Balteira é un cuarteto creado a finais de 2025 en Betanzos, integrado por Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). A formación centra o seu traballo na recuperación do repertorio oral galego, combinando a esencia da música tradicional con arranxos contemporáneos.
O seu repertorio bebe dos cantares populares e das melodías de baile transmitidas de xeración en xeración, ofrecendo unha interpretación que respecta a tradición ao tempo que incorpora unha visión renovadora. Entre as súas gravacións destacan o Maneo de Anxeriz, con arranxo de Pedro Lamas, e a Muiñeira de Bardaos. Os seus integrantes proceden de formacións de referencia da música tradicional galega como Tiruleque, Xosé Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas, e contan cunha ampla experiencia como intérpretes e docentes.
O nome do grupo rende homenaxe á soldadeira medieval María Pérez «A Balteira», símbolo de liberdade e transgresión que inspira o carácter artístico desta nova formación.
Pola súa banda, o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames, integrado por socios, socias e alumnado da entidade, ofreceu un repertorio baseado nas pezas máis representativas da música tradicional galega. A agrupación desenvolve ao longo do ano unha intensa actividade cultural, participando en numerosas festas e eventos co obxectivo de conservar, divulgar e promover o patrimonio musical de Galicia.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)