Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2026
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, avanzou durante unha entrevista en Radio Líder Santiago que o Concello afronta unha das etapas de maior investimento nas parroquias do municipio, cun ambicioso paquete de actuacións que combina asfaltados, humanizacións e melloras da mobilidade. O rexedor sostivo que os próximos meses serán decisivos para cumprir o compromiso adquirido ao comezo do mandato de priorizar o rural, ao tempo que fixo balance das actuacións xa executadas e das que están en marcha.
«Nestes 22 meses vaise ver moito no rural», asegurou Louzao, convencido de que o Concello entra agora na fase de maior execución de obras. Segundo explicou, o Goberno municipal ten en licitación proxectos por preto de 3 millóns de euros destinados exclusivamente a asfaltados rurais, aos que se suman actuacións xa iniciadas e novos investimentos procedentes de fondos europeos.
O alcalde destacou que a prioridade é responder ás demandas trasladadas polos veciños, asociacións e alcaldes de barrio. «Os recursos van ao que máis se repite das prioridades. O asfalto das vías é unha demanda constante e destinamos o 100% dos investimentos dispoñibles a ese fin», afirmou.
A esta actuación sumarase outra das iniciativas que cualificou de estratéxicas para o municipio: a humanización dos núcleos rurais. Neste caso, avanzou que o Concello tramita investimentos por 6,5 millóns de euros para actuar en arredor de 250 núcleos de poboación mediante melloras na drenaxe, instalación de cunetas remontables, plataformas únicas, mobiliario urbano e medidas para reducir a velocidade do tráfico.
«Queremos replicar no rural un modelo que xa funciona no casco urbano», explicou Louzao, quen insistiu en que máis da metade da poboación estradense vive nas parroquias e que chegou o momento de centrar nelas o esforzo investidor. «Esta etapa é a do rural, sen descoidar o entorno urbano», subliñou.
Durante a entrevista tamén anunciou a posta en marcha dunha nova liña municipal de axudas para a instalación de fosas sépticas, coa que o Concello subvencionará ata 1.000 euros por vivenda para favorecer sistemas individuais de depuración.
«O mellor sistema é que os residuos se depuren na propia parcela e non se concentren nun único punto», explicou, ao tempo que animou aos propietarios a solicitar estas subvencións durante o prazo aberto.
No ámbito deportivo, Louzao confirmou a próxima apertura do novo módulo cuberto multideporte, unha infraestrutura valorada en dous millóns de euros que dará servizo ao atletismo, ás artes marciais e á ximnasia. Ademais, anunciou a renovación do céspede artificial e da iluminación do Novo Municipal da Estrada cun investimento próximo aos 400.000 euros.
Respecto ás comunicacións, mostrouse convencido de que antes de rematar o ano estará operativo o novo tramo da autovía cara Santiago. Segundo indicou, esta infraestrutura «vai facilitar vivir na Estrada e traballar en Santiago», reforzando o atractivo residencial do municipio.
Outro dos asuntos abordados foi a vivenda. Louzao recoñeceu que continúa sendo unha das principais preocupacións, especialmente pola elevada cifra de inmobles baleiros existentes no municipio.
«O principal freo é o medo dos propietarios a alugar as súas vivendas», afirmou, reclamando cambios normativos que dean maior seguridade xurídica aos arrendadores. Aínda así, destacou que xa está en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, a promoción das primeiras 28 vivendas públicas e defendeu novas liñas de axudas para rehabilitar inmobles co compromiso de incorporalos ao mercado residencial.
Sobre o escenario político, o alcalde asegurou afrontar o último tramo do mandato sen modificar a súa forma de traballar. «As eleccións gánanse ou pérdense dependendo do que faga o alcalde durante os catro anos», manifestou, incidindo en que a súa prioridade continúa sendo «atender á xente, estar na rúa e resolver os problemas do día a día».
Durante a conversa tamén tivo palabras de recoñecemento para Radio Estrada, coincidindo co seu 30 aniversario, destacando a súa evolución e adaptación aos novos formatos dixitais. «Temos que sentirnos moi orgullosos da programación que ofrece e do traballo que realiza todo o equipo», sinalou.
Finalmente, Louzao expresou o seu apoio ao novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega impulsado pola Xunta, defendendo que «o galego non pode dividir» e que debe converterse «no que nos una independentemente da ideoloxía», reivindicando a protección da lingua e da cultura propias como unha responsabilidade compartida.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)