Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 julio, 2026
O presidente da Xunta aproveitou a entrega das Medallas de Galicia para poñer en valor o papel das mulleres da emigración na construción da Galicia exterior. Alfonso Rueda asegurou que a edición deste ano do máximo recoñecemento que concede o Goberno galego serve para reparar unha «débeda histórica» con milleiros de galegas que abriron camiño lonxe da súa terra e contribuíron a manter viva a identidade e os vínculos coa comunidade de orixe.
As catro distinguidas representan xeracións e traxectorias diferentes, pero comparten unha fonda ligazón con Galicia. Claudia Álvarez foi recoñecida polo seu labor empresarial e o seu compromiso coa colectividade galega na Arxentina; a xornalista Carla Angola, pola defensa dos principios democráticos desde Miami; a odontóloga Camila Fernández, pola súa excelencia profesional e a súa actividade asistencial e académica no Brasil; e a fiscal Beatriz Gil, pola súa vocación de servizo público en Suíza e pola súa implicación coa colectividade galega en Zúric.
Durante o acto, Rueda enmarcou estas distincións na historia dunha Galicia marcada pola emigración e destacou que a comunidade soubo medrar grazas ao esforzo de quen levou o nome do país por todo o mundo. Nese sentido, lembrou que a Estratexia Retorno xa fixo posible o regreso de máis de 50.000 galegos e avanzou a apertura dunha nova sede da Xunta en Bos Aires para reforzar a atención á colectividade no exterior.
«Hai un pouco de Galicia en calquera parte do mundo, e tamén hai moito de moitas partes do mundo en Galicia», afirmou o presidente, que incidiu en que desde o 2009 a comunidade gañou 170.000 habitantes máis dos que marcharon, un dato que, ao seu xuízo, confirma a capacidade de Galicia para atraer e recuperar poboación.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)