Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 agosto, 2026
O Concello de Santiago lembra á veciñanza que continúan vixentes as restricións e recomendacións sobre o consumo de auga recollidas no Bando da Alcaldía publicado o pasado 29 de xullo. O recordatorio prodúcese despois de que a Xunta de Galicia activase a fase de prealerta por escaseza moderada de auga na Unidade Territorial de Escaseza (UTE) do río Tambre.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, solicita a colaboración da cidadanía ante a diminución das reservas de auga e insiste na necesidade de facer un uso responsable deste recurso para garantir o abastecemento de auga potable, tanto para o consumo urbano como para os usos considerados esenciais.
Entre as medidas actualmente en vigor figura a prohibición de encher, total ou parcialmente, piscinas privadas. Tampouco está permitido lavar vehículos empregando auga procedente da rede municipal, agás no caso dos establecementos que conten coa correspondente licenza para desenvolver esta actividade.
As restricións afectan tamén ao rego de xardíns, zonas verdes, hortas de lecer e espazos ornamentais con auga da rede municipal. Neste caso establécese unha excepción para aquelas regas que resulten imprescindibles para evitar a morte de vexetación arbustiva ou arbórea.
Do mesmo xeito, queda prohibido o funcionamento de fontes ornamentais abastecidas con auga potable cando non dispoñan dun sistema de recirculación.
Ademais destas prohibicións, o Concello compostelán recomenda ao conxunto da veciñanza extremar o aforro e realizar un consumo responsable. O chamamento abrangue tanto os fogares como os establecementos comerciais e pasa por evitar usos innecesarios e adoptar medidas que permitan reducir o gasto de auga.
As restricións permanecerán en vigor ata que a evolución da situación do abastecemento permita a súa retirada. O Concello subliña que estas medidas cobran especial importancia coa entrada na fase de prealerta por escaseza moderada na UTE do río Tambre.
“A colaboración de toda a veciñanza é fundamental para preservar un recurso esencial como é a auga e garantir a súa subministración a toda a poboación”, recolle o bando municipal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)