AD

Comarca

A seca obriga a Ames a cortar fontes e rega e preparar medidas de emerxencia

today13 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Ames convocou este mércores unha xuntanza entre os distintos departamentos municipais e as empresas e organismos públicos e privados implicados directamente ou afectados pola xestión da seca, ante a situación de prealerta por sequía decretada onte pola Xunta de Galicia.

No Salón de Plenos do Concello estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a tenente de alcalde, Susana Señorís; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández; a xerente de Augas de Ames, Gema Otero; a xefa de servizo de Augas de Ames, Verónica Castro; así como representantes de Protección Civil e da Policía Local.

A situación dos recursos hídricos continúa empeorando e require reforzar a responsabilidade colectiva. A Xunta de Galicia activou este 11 de agosto a fase de prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Tambre, no que se inclúe o Concello de Ames. A medida responde ao descenso dos caudais e á evolución desfavorable dos indicadores de dispoñibilidade de auga.

Ante este escenario, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “esta é a primeira vez que se dá unha situación similar. A máis crítica que tivéramos foi no ano 2017, cando a tubaxe de captación estaba cuberta por unha lámina de auga de cinco centímetros e hoxe está en 12 centímetros descuberta”.

García engadiu que “se o nivel do Tambre segue baixando, chegará un momento no que non poderemos captar auga”. Por este motivo, unha das medidas preventivas será adquirir un sistema de bombas que permita abastecer as tubaxes no caso de que quedasen descubertas. Augas de Ames estudará este sistema e tamén a adquisición de cisternas por se fose necesario levar auga a algún punto do rural. “Estaremos en contacto permanente e mobilizaranse os medios que sexan precisos”, sinalou o rexedor.

Con respecto á xestión da seca, o alcalde explicou que “os primeiros que temos que dar exemplo somos o propio Concello e non podemos esixir medidas preventivas á cidadanía se nós non as estamos tomando”. Neste sentido, o Concello cortará todas as fontes públicas, así como o sistema de rego dos parques e xardíns, que xa estaba practicamente anulado desde o mes de xullo. Tamén se cortará a auga das hortas urbanas, polo que todos os propietarios serán notificados.

Creación da Comisión da Seca

Unha das principais medidas acordadas na xuntanza é a creación da Comisión da Seca, integrada no Plan Municipal de Seca aprobado polo Pleno ordinario do pasado mes de xuño. Esta comisión estará composta polo alcalde, Blas García; o concelleiro de Servizos Básicos, Gustavo Nieto; os técnicos e técnicas municipais de Augas de Ames; e representantes dos grupos da oposición. A comisión reunirase por primeira vez a vindeira semana.

Tamén formarán parte desta comisión os veciños e veciñas e/ou comunidades de veciños que dispoñan de sistemas propios de abastecemento, como mananciais ou traídas. Neste sentido, manterase unha comunicación constante cos presidentes das asociacións veciñais para coñecer a situación do rural, especialmente ante a preocupación polos núcleos que non contan con acceso á rede municipal de abastecemento.

Colaboración cos concellos de Santiago e Brión

Outra das cuestións acordadas nesta xuntanza foi a decisión de colaborar tanto co Concello de Brión como co Concello de Santiago de Compostela. No caso de Brión, Ames comparte a potabilizadora situada na ribeira do río Tambre. Deste xeito, a intención é que ambos os concellos unifiquen criterios e adopten medidas similares para incrementar a efectividade das actuacións de aforro.

No caso de Santiago de Compostela, o alcalde de Ames, Blas García, mantivo esta mañá unha conversa telefónica coa rexedora compostelá, Goretti Sanmartín. Acordouse manter unha reunión entre o concelleiro amesán de Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e o seu homólogo da capital galega, Xesús Domínguez, co obxectivo de coñecer o estado da captación de auga no municipio compostelán.

Cómpre destacar que parte da auga consumida en Ames pasa previamente por Santiago de Compostela, polo que resulta necesario coñecer o estado da súa captación para determinar se será necesario establecer novas medidas de restrición.

Reiteración do bando de aforro de auga

Durante a rolda de prensa informativa, Blas García anunciou que o Concello reiterará o bando aprobado no mes de xullo, no que se adoptaron medidas de responsabilidade e colaboración cidadá co obxectivo de garantir a dispoñibilidade de auga e evitar problemas no abastecemento.

Ademais, realizarase unha actualización para adaptar as medidas á actual situación de prealerta. No caso de que a climatoloxía continúe sendo desfavorable, o Concello non descarta adoptar medidas de restrición deste recurso básico.

Nas últimas semanas, o Concello xa deixou de realizar tarefas de rega de xardíns e de baldeado de rúas. Esta decisión continuará vixente como medida de aforro, pero tamén como acción de responsabilidade para dar exemplo á veciñanza. Ademais, cortarase a auga dos vestiarios das piscinas municipais, mantendo operativas unicamente as duchas de entrada e saída das instalacións.

Co obxectivo de garantir o cumprimento das medidas, a Policía Local recibiu esta mañá instrucións para revisar aqueles lugares nos que se poida estar facendo un uso indebido da auga e contrario ás recomendacións das autoridades competentes.

O Concello lembra que as medidas extraordinarias adoptadas o pasado mes de xullo continúan vixentes e que, entre outras cuestións, prohiben o rego de xardíns, hortas, céspedes e zonas verdes; o enchido de piscinas; o lavado de vehículos; e a limpeza de beirarrúas, patios, fachadas e outros espazos exteriores con auga da rede de abastecemento.

Desde Augas de Ames recórdase que a entrada do sistema do Tambre en situación de prealerta fai necesario dar un paso máis. Non se debe esperar a que a situación chegue a un escenario de alerta que obrigue a tomar decisións moito máis restritivas e que poidan implicar cortes temporais no subministración de auga. O momento de actuar é agora.

O Concello reiterará á Xunta actuar na presa de Ponte Maceira

Outro dos puntos abordados polo alcalde foi a situación da presa de Ponte Maceira, onde a auga continúa escapando e afectando directamente, segundo os informes técnicos dos que dispón o Concello, tamén á captación de Ames.

O Concello de Ames solicitará formalmente a Augas de Galicia e á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, unha revisión da situación da presa e a adopción de medidas para evitar que continúe a fuga de auga. A actuación para reparar a presa foi comprometida pola Xunta de Galicia e chegou a contar cun proxecto valorado en aproximadamente 400.000 euros, pero finalmente non foi executada.

Neste sentido, o Concello solicitará unha solución provisional que permita taponar a fuga ou, alternativamente, autorización para que Ames poida acometer esta actuación, tendo en conta a situación actual e a falta de execución da obra comprometida pola Xunta.

A petición cobra especial relevancia ante a situación actual de prealerta por escaseza no sistema do Tambre. O Concello considera difícilmente comprensible que, nun contexto no que se pide á cidadanía reducir o consumo de auga e no que Ames está adoptando medidas extraordinarias de aforro, non se actúe sobre unha infraestrutura que permite que parte da auga do río se perda a través dunha ruptura na presa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *