Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 agosto, 2026
O vindeiro venres 4 de setembro o campo da festa de San Xurxo de Vea (A Estrada) volve converterse no epicentro da música folclórica galega coa XIII Noite Folk. Como cada ano, diferentes grupos galegos encherán este evento, organizado pola Asociación Cultural San Xurxo de Vea.
Na décimo terceira edición os protagonistas serán Xosé Lois Romero & Aliboria, as Lagharteiras, Galega de Bailables e a charanga tradicional Argalleiros. Os concertos darán comezo a partir das 21:30 horas, pero antes xa haberá actividades. Ás 20:30 horas terá lugar un obradoiro de baile impartido por Antonio Prado, bailador e percusionista coruñés. Será unha proposta aberta para achegarse ao baile tradicional e participar activamente na festa, así como unha boa forma de aprender os pasos básicos ou melloralos.
Tamén haberá actividades para a cativada organizadas por David Orihuela, animador sociocultural estradense, que este ano propón a realización dunha manualidade no propio campo da festa.
Postos de artesanía, foodtrucks… E por suposto haberá aparcadoiro abondo. Será gratuito coa posibilidade de pago á vontade para colaborar coa festa. A cambio da colaboración repartiranse ‘rasca e gaña’, que poden resultar premiados con algúns obsequios achegados por empresas colaboradoras.
Ao remate das actuacións dos grupos, a festa poderá continuar, xa que haberá foliada aberta. E todas aquelas persoas que desexen quedar a durmir, poderán facelo tanto na zona de acampada como na área habilitada para autocaravanas.

Camisetas solidarias
Durante o transcurso da noite, a xente poderase achegar ao posto da Noite Folk para levar a camiseta oficial da edición 2026. De cor amarela, e deseñada por ‘Xiralúa Estudio Creativo’, a camiseta ten un prezo de doce euros, dos que dous serán doados a ASANOG (Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia).
Continúase así o vínculo con esta entidade sen ánimo de lucro, creada por familias de nenos e adolescentes que están a pasar ou pasaron por un cancro. A Asociación
Cultural San Xurxo de Vea xa colaborou con ela no pasado mes de xuño, cando organizaron conxuntamente unha foliada solidaria, na que se recadaron 2.063€, entregados integramente a ASANOG. Todas as doazóns permítenlles seguir ofrecendo os seus servizos, que levan en funcionamento dende o ano 2012.
Correo
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)